Galicia abre vías de colaboración entre os portos galegos e de Hamburgo en materia de contedores, tráfico de cruceiros e loxística

O presidente da Xunta visitou esta tarde o porto de Hamburgo e reuniuse co director deste organismo, Wolfgang Hurtienne.

Feijóo destaca que o de Hamburgo é o porto máis grande de Alemaña, o segundo maior de Europa e un dos “máis importantes desde o punto de vista estratéxico e desde o punto de vista económico da Unión Europea”.

Avanza “que tamén nos comprometemos a abrir unha serie de contactos desde o punto de vista medioambiental”.

O presidente da Xunta visitou esta tarde o porto de Hamburgo e reuniuse co director deste organismo, Wolfgang Hurtienne
O presidente da Xunta visitou esta tarde o porto de Hamburgo e reuniuse co director deste organismo, Wolfgang Hurtienne
Listen to this page using ReadSpeaker
Hamburgo (Alemaña), 23 de xuño de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta tarde o porto de Hamburgo e reuniuse co director deste organismo, Wolfgang Hurtienne, un encontro que serviu para “abrir unha vía de colaboración e de coñecemento mutuo entre a zona portuaria galega e esta zona portuaria de Alemaña” en ámbitos como o tráfico de contedores, o tráfico de cruceiros, a loxística e tamén en materia ambiental.

Na xuntanza, na que tamén participaron o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e os presidentes das Autoridades Portuarias de Ferrol-San Cibrao e de Vigo, o presidente galego resaltou que o de Hamburgo é o porto máis importante de Alemaña, “a porta de entrada” a este país, o segundo máis importante de Europa, xunto do de Róterdam, e tamén “un dos grandes portos do mundo”. Un porto de acceso directamente cara ao Mar do Norte e cara ao Mar Báltico e “practicamente a todo o norte e centro de Alemaña” e, en consecuencia, sinalou Feijóo, “un dos portos máis importantes desde o punto de vista estratéxico e desde o punto de vista económico da Unión Europea”.

Por iso, engadiu, “tentamos abrir unha vía de colaboración, de coñecemento mutuo entre a zona portuaria galega e esta zona portuaria de Alemaña para establecer unha serie de canles desde varios puntos de vista”. En primeiro lugar, explicou, desde o punto de vista loxístico: “interésanos moitísimo que nos coñezan, que saiban das nosas capacidades, que coñezan os proxectos de ampliación loxística” que se están a realizar, “tanto no porto de Vigo, na Plisan, como no de Ferrol e no da Coruña, na zona de Arteixo”, sinalou ao respecto.

De igual xeito, no encontro tamén se falou do intercambio de posibilidades en materia de contedores, onde o porto de Hamburgo é un dos referentes de Europa nesta materia, ao mover 9 millóns de contedores ao ano. “Significa, polo tanto –dixo Feijóo-, que estamos cunha enorme dimensión desde o punto de vista desta carga, que ocupa xa o 90% do total da actividade do porto de Hamburgo”, incidiu.

“Tamén hai unha nova liña de negocio neste porto de Hamburgo que é o tráfico de cruceiros”, agregou o presidente da Xunta, remarcando que tanto o da Coruña, como o de Vigo están experimentando un incremento no tráfico de cruceiros.

Paralelamente, durante a reunión “tamén nos comprometemos a abrir unha serie de contactos desde o punto de vista medioambiental”. A este respecto, lembrou que todos os portos da Unión Europea deben cumprir unhas normativas cada vez máis estritas desde o punto de vista do combustible que teñen que levar os barcos en Europa a partir do ano 2020, “que é o combustible de gas onde a regasificadora do porto de Ferrol ten unha importancia e que chamou a atención ás autoridades do porto de Hamburgo”, incidiu.

“En definitiva vimos de iniciar e abrir unha axenda de traballo entre os portos de Galicia e este macroporto de Alemaña, este gran porto europeo de Hamburgo”, subliñou Feijóo insistindo en que durante a visita ás instalacións portuarias puideron coñecer in situ “todas as capacidades instaladas desde o punto de vista de contedores, desde o punto de vista de carga, desde o punto de vista de cruceiros, e desde o punto de vista, tamén dun estaleiro potente que hai neste porto”. “Esta axenda de contacto portuario é unha axenda que pode dar lugar a distintas zonas de traballo conxunto entre este de Hamburgo e as autoridades portuarias de Galicia, tanto o porto da Coruña, como o de Ferrol como o de Vigo”, concluíu o mandatario galego ao respecto.

535 lecturas