Feijóo busca novas oportunidades en Colombia en sectores como a automoción, as TIC, a conserva e o téxtil logo de incrementar case un 50% as exportacións a este país nos últimos tres anos

O titular da Xunta inicia a súa visita a Colombia cun encontro empresarial, no que participaron o clúster da automoción, do sector agroalimentario, das TIC e da conserva.

Incide en que Colombia é a cuarta economía de América Latina e un dos países prioritarios para as exportacións galegas e avoga por seguir “incentivando e promocionando este país”.

Destaca os obxectivos do país de construír máis dun millón de vivendas e o incremento nun 50% nos próximos tres anos da potencia eléctrica: “é aí, no ámbito das enerxías renovables, onde queremos estar”, precisa.

Francisco Conde subliña o sector da automoción como un sector prioritario e cualifica a visita á planta General Motors-Colmotores como unha oportunidade para coñecer polo miúdo o proxecto da fábrica e abrir novas oportunidades de comercio e de investimento para a industria de compoñentes.

  • Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
    Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
  • Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
    Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
  • Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
    Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
  • Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
    Feijóo participou nun encontro empresarial en Bogotá
Listen to this page using ReadSpeaker
Bogotá (Colombia), 17 de febreiro de 2015.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou hoxe a súa visita a Colombia cun encontro empresarial co obxectivo de buscar novas oportunidades no país latinoamericano en sectores como a automoción, as TIC, a conserva e o téxtil, logo de incrementar case un 50% as exportacións a este país nos últimos tres anos.

Durante esta reunión na que participaron o clúster da automoción, do sector agroalimentario, das TIC e da conserva, o titular do Goberno autonómico incidiu en que Colombia é a cuarta economía de América Latina e un dos países prioritarios para as exportacións galegas. “Hai moitos produtos galegos en Colombia: está o téxtil, a través de empresas como Inditex ou Adolfo Domínguez; unha boa parte das conservas que se consumen son galegas; empezamos coa distribución dos viños galegos; no ámbito da consultoría hai empresas galegas que están facendo proxectos e dirección de obra e control de calidade de hospitais e tamén infraestruturas como estradas e viadutos...En definitiva, estamos a falar dun país onde nos últimos tres anos as empresas galegas están acreditando éxito”, aseverou.

“Queremos seguir incentivando e promocionando este país para que empresas galegas do sector da automoción, das TIC, da alimentación, do téxtil e da construción se sigan posicionando nun país que ten uns obxectivos moi ambiciosos”, aseverou, destacando entre eles a construción de 1.200.000 vivendas novas; e o incremento nun 50% nos próximos tres anos da potencia eléctrica, “e é aí, no ámbito das enerxías renovables, onde queremos estar”.

Así mesmo, salientou a gran demanda de produtos alimentarios tanto no eido da agroindustria como da industria do mar.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou tamén o sector da automoción como un sector prioritario e como proba disto referiuse á visita, xunto ao clúster e ao CTAG, á planta General Motors-Colmotores como unha oportunidade para coñecer polo miúdo o proxecto da fábrica e abrir novas oportunidades de comercio e de investimento para a industria de compoñentes. “A presenza do clúster da automoción na visita á fábrica supón unha ocasión para abrir novas oportunidades ao igual que supuxo a recente confirmación de PSA-Peugeot Citröen de que os novos vehículos K9 se fabricarán en Vigo”.

O presidente da Xunta avanzou que a súa visita a Colombia completarase mañá mércores cunha entrevista co ministro de Tecnoloxías da Información e Comunicacións, Diego Molano, co que analizará a capacidade do sector TIC galego para colaborar no desenvolvemento tecnolóxico do país; e cunha reunión co presidente do país, Juan Manuel Santos Calderón, na que estará presente a ministra de Comercio, Industria e Turismo, Celia Álvarez.

1390 lecturas