Feijóo propón aos mozos descendentes de galegos unha galeguidade "que non exclúa patrias, que as inclúa"

“Nunca deixedes de soñar, porque a Galicia que vos espera, primeiro foi un soño na mente dos nosos antepasados”, asegurou o titular da Xunta no primeiro congreso de descendentes de galegos.

O presidente galego asegura que os descendentes dos emigrantes son os “embaixadores do futuro”, e a personalización dun “porvir feito de culturas que se complementan, e de linguas irmáns como o galego e o castelán”.

Lémbralles que os seus pais e avós foros pioneiros nas cidadanías virtuais tan estendidas na actualidade, “demostraron que non é necesario compartir unha xeografía común para sentirse parte dun mesmo grupo”.

Listen to this page using ReadSpeaker
17 de decembro de 2009.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo aos mozos descendentes de galegos unha galeguidade que non exclúe patrias, “senón que as inclúe”. O mandatario galego inaugurou en Buenos Aires o primeiro congreso de descendentes de galegos de Arxentina e Uruguai, onde asegurou que eles son “os embaixadores do futuro” da colectividade galega. “Nunca deixedes de soñar porque a Galicia que vos espera, primeiro foi un soño na mente dos nosos antepasados”, afirmou.

“O futuro sodes vós, o futuro será como vós decidades”, remarcou Núñez Feijóo na apertura do congreso. “Hai moitos pobos emigrantes non mundo, pero ningún soubo como o noso configurar unha irmandade universal que debe enorgullecernos a todos”, abondou o presidente galego, quen salientou que Galicia “non é unha patria que encerre ao seus na pequeñez, senón que os anima a conquistar novos horizontes”.

O presidente da Xunta lembrou, na súa intervención, o papel dos pais e avós dos asistentes ao congreso: “aínda que vos sorprenda, os vosos antepasados galegos foron pioneiros da cidadanía virtual que é hoxe unha das características dese porvir que se acerca tan rapidamente”. Así, Núñez Feijóo subliñou que non é necesario compartir “unha xeografía común” para sentirse parte do mesmo grupo. “Os vosos pais, os vosos avós carecían de internet, pero non do sentimento que salvaba distancias e lles permitía estar na Galicia que deixaran”, engadiu.

“Mirade cara o mapa e veredes que a terra da que procededes é como un barco disposto a zarpar en calquera momento; a Galicia terrestre segue alí, pero a Galicia dos sentimentos está tamén aquí, xunto a xente moza de Arxentina e Uruguai”, afirmou o presidente da Xunta. Así, Feijóo destacou que esta galeguidade que non se basea na exclusión é agora o mais natural e, incluso, algo necesario. “Que sexades portadores de culturas diferentes vos capacita mellor para este mundo plural cheo de interaccións e influenzas”, afirmou.

O presidente galego invitou aos mozos e mozas descendentes de galegos a non asociar Galicia co pasado. “A galeguidade non é unha reliquia que se adora sen utilizala, non é patrimonio de ningunha idade nin ten que ver soamente coa morriña; Galicia é hoxe unha sociedade moderna, inserta nunha España próspera e partícipe dun gran proxecto europeo”, manifestou.

Nesta liña, Feijóo lembrou que o consuelo de aqueles que un día abandonaron Galicia buscando un futuro mellor era que a terra que deixaban “abandonara tamén a súa postración, dependencia e falta de futuro”. “Tamén iso conseguiuse: queda moito por percorrer, pero o noso país, que é tamén o voso, recuperou a súa confianza en si mesmo”, abondou o titular da Xunta, quen apelou aos descendentes de galegos como os “mellores intermediarios” entre o novo e o vello continente.

“Miro cara os vosos pais e avós e atopo un pobo formidable de loitadores que nunca se renderon ante a adversidade, que xamais renunciaron ás súas raíces, que sempre souberon que unha Galicia diferente á súa era algo máis cunha quimeira. E agora miro cara vós e atopo un porvir feito de culturas que se complementan, de linguas irmáns como o galego e o castelán, atopo un porvir xeneroso e entregado como os mozos e mozas de hoxe”, concluíu.

1896 lecturas