Miranda asegura nunha conferencia na U.P.V. que “Galicia ten, nos seus fillos e fillas emigrados, e nos seus descendentes, unha baza única, o mellor potencial de futuro na súa proxección exterior”

O secretario xeral da Emigración impartiu a charla inaugural do VIII Ciclo de cine “Un mundo, moitas miradas. Máis aló da fronteira” que organiza a Facultade de Letras da Universidade do País Vasco.

O alto cargo da Xunta visitou asemade a Casa de Galicia de Ondárroa, que preside Armindo Peso.

  • De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
    De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
  • De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
    De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
  • De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
    De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Iñaki Bazán, e Rocío Dourado durante a conferencia que pronunciou o secretario xeral da Emigración esta mañá en Vitoria-Gasteiz
  • Armindo Peso, presidente da Casa Galicia de Ondárroa, e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
    Armindo Peso, presidente da Casa Galicia de Ondárroa, e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
  • Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración á Casa Galicia de Ondárroa
    Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración á Casa Galicia de Ondárroa
Listen to this page using ReadSpeaker
Vitoria / Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, impartiu esta mañá en Vitoria a conferencia A Emigración galega: perspectiva de pasado, oportunidade de futuro, coa que se inauguraba o oitavo ciclo de cine sobre os fenómenos migratorios en todo o mundo, que organiza a Facultade de Letras da Universidade do País Vasco. No acto interviñeron tamén a docente coordinadora do evento, Rocío Dourado, e o decano da facultade, Iñaki Bazán.

Miranda ofreceu unha visión sobre o pasado e o presente da diáspora galega, recordando que na actualidade “as estatísticas oficiais amosan que o número de galegos nacidos na Galicia territorial e residentes no Exterior descende, se ben aumenta o número total de galegos residentes fóra”, circunstancia que se debe a dous factores: a recuperación ou adquisición de nacionalidade española e adscrición a provincia galega por efecto da chamada Lei de Memoria Histórica, e tamén ao crecemento vexetativo natural, é dicir, aos fillos e fillas de cidadáns galegos e galegas residentes no Exterior e cuxas e cuxos proxenitores os inscriben no consulado correspondente como cidadás ou cidadáns españois.

Así, o secretario xeral da Emigración afirmou que “Galicia crece agora no Exterior grazas a ese potencial enorme, en tódolos sentidos, que son os fillos e netos daqueles que un día marcharon, pero que seguen vinculados á terra dos seus devanceiros”, e tamén que “hoxe os ‘novos galegos’ están inmersos en culturas novas sen abandonar a propia, e iso é unha riqueza da que podemos presumir”. Miranda engadiu asemade que “me congratula especialmente a capacidade de absorción da cultura de acollida que as miñas paisanas e os meus paisanos teñen demostrado e demostran día a día”, e neste sentido, gabou esa capacidade demostrada día a día pola colectividade residente no País Vasco.

Camiño universal
Lembrando que o Camiño de Santiago converteu en universal a Galicia séculos antes de que os galegos e galegas espallasen a súa cultura por todo o mundo, Rodríguez Miranda afirmou que “afastada nunha esquina do continente, Galicia amosou ao mundo a capacidade de atraer ata o seu confín a xentes e culturas de todo o universo e, tamén na actualidade, dos catro puntos cardinais do planeta.”

En referencia ás galegas e galegos do Exterior -de quen dixo “é unha honra poder representalos”-, asegurou o secretario xeral da Emigración que “Galicia conta cun corpo diplomático que xa quixeran para si as nacións máis poderosas do planeta”. Gabou o labor de promoción da súa terra que realizan as e os galegos residentes fóra afirmando que “agora que o mapa xeopolítico mudou o Atlántico polo Pacífico no centro, estamos nunha marxe do planeta. E, sen embargo, hoxe máis ollos ca nunca miran cara nós. Mercé ao traballo realizado dentro, pero sobre todo a esa cosmovisión que os galegos do Exterior foron quen de dar a coñecer”.

Miranda lembrou que, desde antano e por mor dese labor calado da diáspora, o nome de Galicia vincúlase co afastamento xeográfico, pero tamén coa calidade: “Desde hai algúns anos, esa calidade xerou por fin o valor engadido necesario para que a nosa terra vaia ocupando o lugar que por natureza e xustiza lle corresponde”. Labor no que, asegurou, Galicia conta tamén cun respaldo importante entre os seus fillos e fillas residentes no País Vasco.

En Ondárroa
Trala conferencia en Vitoria, Rodríguez Miranda desprazouse ata Ondárroa, onde visitou a socias e socios, e coñeceu as instalacións, da Casa de Galicia desta localidade biscaíña, que preside Armindo Peso, visita na que estivo acompañado pola presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, Pilar Rodríguez.

Creada no ano 1962, e pertencente á Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, a Casa realiza ao longo do ano múltiplas actividades de carácter social, cultural e lúdico, co que consegue manter e reforzar as ligazóns entre os propios galegos e galegas residentes na localidade e contorna.

1300 lecturas