Feijóo refírese ás e aos premiados "Gallegos del Año" como unha representación dos galegos e das galegas que nunca se renden, que din que non ao conformismo e que conciben Galicia como un país aberto e dinámico

O presidente en funcións da Xunta asistiu, na noite de onte, ao acto de entrega dos premios Gallegos del Año, na súa XXIII edición, organizados polo Grupo El Correo Gallego.

"Nos premiados desta noite está personificada a Galicia que queremos. Unha Galicia en pé, unida e solidaria que loita coas ferramentas da razón e do traballo. Unha Galicia que non se rendeu nunca, e que non se renderá xamais”, afirma.

Asegura que “entre os galegos de antano e os de hoxe”, démoslle ao galeguismo un significado de aperta: “Os galeguistas do noso tempo non pechan, abren. Non buscan as diferenzas, atopan semellanzas. Non ven no alleo algo hostil, senón complementario”

  • Os premiadose as premiadas, trala a entrega dos galardóns, xunto ás autoridades. Foto: El Correo Gallego.
    Os premiadose as premiadas, trala a entrega dos galardóns, xunto ás autoridades. Foto: El Correo Gallego.
  • Premiados e premiadas, durante o acto. Foto: El Correo Gallego.
    Premiados e premiadas, durante o acto. Foto: El Correo Gallego.
  • Premiados e premiadas, durante o acto. Foto: El Correo Gallego.
    Premiados e premiadas, durante o acto. Foto: El Correo Gallego.
  • Alberto Núñez Feijóo coa nai dun dos policías falecidos no Orzán. Foto: El Correo Gallego.
    Alberto Núñez Feijóo coa nai dun dos policías falecidos no Orzán. Foto: El Correo Gallego.
  • Imaxe de Isabel Morate. Foto: El Correo Gallego.
    Imaxe de Isabel Morate. Foto: El Correo Gallego.
  • A gaiteira Cristina Pato, durante a actuación ao peche da gala acompañada por Roberto Comesaña. Foto: El Correo Gallego.
    A gaiteira Cristina Pato, durante a actuación ao peche da gala acompañada por Roberto Comesaña. Foto: El Correo Gallego.
  • Jesús Alonso, tras recoller o pergamiño de mans do presidente Feijóo, Foto: El Correo Gallego.
    Jesús Alonso, tras recoller o pergamiño de mans do presidente Feijóo, Foto: El Correo Gallego.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2012.

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse onte ás e aos premiados Gallegos del Año, como unha representación dos galegos e as galegas que nunca se renden, que din que non ao conformismo e que conciben Galicia como un país aberto e dinámico. “Nos premiados desta noite está personificada a Galicia que queremos. Unha Galicia en pé, unida e solidaria que loita coas ferramentas da razón e do traballo. Unha Galicia que non se rendeu nunca, e que non se renderá xamais”, asegurou.

Deste xeito, Feijóo referiuse, nun primeiro termo, ao canónigo Salvador Domato, sentinela do arquivo histórico diocesano de Santiago; e a Verónica Boquete, “unha das mellores xogadoras do fútbol feminino español”. “E desde que o hospital La Rosaleda botara a andar da man, entre outros do doutor Fernández Albor, -engadiu- non houbo un día de rendición. E nese traballo continúa Rafael Silva. E tampouco hai lugar para o desmaio nas investigacións de Xosé Ramón García Bustelo”.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego afirmou que aínda que o mar do Orzán levou as súas vidas, nunca levará a lembranza de Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor, “que tampouco se renderon”. E referiuse, tamén, ao exemplo de perseveranza e constancia de María Castro Gigirey: “Ela –dixo- non se rende, igual que Mabel Loza, que explora novos medicamentos para a esquizofrenia, a artrose e a dor”.

Da gaiteira e pianista Cristina Pato, subliñou que “non deixa que se renda a súa arte, e vai na procura de novos sons que interpreten a nosa terra”, logo de salientar que “nin o Deportivo nin o Celta, nin o Celta nin o Deportivo se renderon á desgraza de estar nunha división que non era a súa”.

“Eduardo Pardo de Guevara está situado na división de honor, con esa responsabilidade de coordinador do CSIC en Galicia. E non habería medallas para David Cal, Begoña Fernández, Tamara Echegoyen, Sofia Toro, Javier Gómez Noya, Chano Rodriguez, Juan Antonio Saavedra e José Enrique Porto, se houbera pasado pola súa cabeza a rendición. Eles son cabeza e corazón de Galicia”, engadiu.

No tocante ao premiado Jesús Alonso, Feijóo salientou que Galicia é o que é porque galegos coma el dixeron que non ao conformismo. “Nunha ocasión, Jesús Alonso fixo unha definición do galego. ‘Traballador, aforrador e seri’. Don Jesús estábase definindo a si mesmo. Cántas veces oiría o noso Galego do Ano expresións como non ‘vale a pena’, ‘para que te vas meter nesto’, ‘confórmate coa empresa que tes’. Supoño que serían moitas. Pero el sempre dixo que adiante”.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego afirmou que “somos produto de mulleres e homes que non se renderon”. “Seu é ese modelo de Galicia que estamos afianzando entre todos” dixo, ao que engadiu que “o pobo que superou as grandes tormentas que a historia rexistra, atravesa outra e faino co mesmo espírito dos galegos de onte e de antonte: unindo e non separando, mirando a España como algo noso no que queremos estar, no que queremos convivir e que queremos mellorar; vendo na Europa que contribuímos a formar co Camiño de Santiago, a casa común dunha civilización próspera e libre; observando o mundo coa confianza dos que seguimos tendo a Galicia como unha ‘célula de universalidade’”.

 

Fotos: El Correo Gallego

1304 lecturas