Feijóo salienta que no Xacobeo 2021 as galegas e galegos temos unha cita co mundo para amosar a Galicia familiar, verde, innovadora e moza que somos

Incide en que o Xacobeo 2021 é unha gran tarefa colectiva que mobiliza todas as enerxías da Comunidade.

Sostén que a peregrinación a Santiago, unida á peregrinación a América fixo de nós un pobo sen fronteiras e destaca que entre o millón de peregrinas e peregrinos que acoden a Galicia cada ano, hai 180 procedencias.

En relación á mostra, expresa o agradecemento ás asociacións arxentinas de amigos do Camiño, por facer posible que a ruta xacobea tamén discorra por este país.

O presidente da Xunta visitou hoxe a mostra 'El Camino de Santiago. Una experiencia contemporánea de peregrinaciones', de Manuel Valcárcel
O presidente da Xunta visitou hoxe a mostra 'El Camino de Santiago. Una experiencia contemporánea de peregrinaciones', de Manuel Valcárcel
Listen to this page using ReadSpeaker
Mar del Plata (Arxentina), 21 de setembro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que no Xacobeo 2021 os galegos e as galegas temos unha cita co mundo para amosar a Galicia familiar, verde, innovadora e moza que somos.

“Queremos compartir Galicia. Queremos que se saiba que un dos pobos máis antigos de Europa é hoxe tamén un dos máis innovadores”, dixo, durante unha visita á exposición El Camino de Santiago. Una experiencia contemporánea de peregrinaciones, recordando que o Xacobeo 2021 é unha gran tarefa colectiva que mobiliza todas as enerxías da Comunidade.

“O esforzo de persoas e institucións fai que non se poida falar dunha efeméride oficial ou que se circunscribe a un lugar concreto”, explicou, incidindo en que as galegas e galegos “estamos desexosos de recibir aos que buscan no antigo fin da terra un principio reconfortante e unificador”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo resaltar tamén que a ruta xacobea, en torno á cal se crea a idea de Europa, ten unha prolongación en América, referíndose aos valores levados pola emigración galega e “que contribuíron ao desenvolvemento desta gran nación arxentina, grazas ao descubrimento mutuo que funde a impronta arxentina coa cultura do Camiño da que somos depositarios os galegos”.

Así mesmo, subliñou que grazas á nosa dobre faceta de anfitrioas e anfitrións de peregrinas e peregrinos e de peregrinos que emprenden o camiño cara a terras americanas, “os galegos aprendemos que a suma de identidades multiplica a forza dos pobos”, dixo, salientando que entre o millón de peregrinas e peregrinos que acoden a Galicia cada ano, hai 180 procedencias.

“O camiñante trae a súa cultura e leva a nosa, de maneira que a peregrinación a Santiago, unida á peregrinación a América fixo de nós un pobo sen fronteiras”, abundou.

En relación á exposición, o titular do Executivo galego afirmou que nesta mostra itinerante do fotógrafo de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel, ademais de moita historia feita paisaxe, hai tamén futuro, “un futuro que ten no Xacobeo 2021 unha cita dos galegos co mundo”, reiterou.

Ademais de expresar o convencemento de que moitas e moitos galegos e descendentes de galegas e galegos sentirán que os lugares que aparecen nesta exposición lles resultan familiares, Feijóo quixo trasladar un agradecemento especial ás asociacións arxentinas de amigos do Camiño, por facer posible que a ruta xacobea tamén discorra por este país.

Logo de iniciar esta exposición o seu periplo en Boston para despois percorrer Chicago, Carolina do Norte e Lorient, Feijóo concluíu aseverando que, agora, atópase na casa. “Porque sería imperdoable –sentenciou- dicir que Arxentina é, para un español e galego, o estranxeiro”.

  • Audio | Declaracións do presidente da Xunta de Galicia na súa visita á exposición sobre o Xacobeo: picar aquí para descargar
En imaxes
382 lecturas