Feijóo expón as capacidades económicas do tecido industrial galego nunha Galicia estable e cun clima favorable para o emprendemento

Avala a capacidade de adaptación e de innovación das empresas galegas do contract, como proba a elevada internacionalización do sector, que chega ao 80% nalgúns casos.

Lembra que é en Galicia onde se atopa a sede da primeira multinacional téxtil do mundo; ou onde se construíron os jackets que se están a empregar nos primeiros parques eólicos mariños do mundo situados en augas de Alemaña e o Reino Unido.

Incide nas calidades do sector naval, da aeronáutica ou do sector agroalimentario, nos que Galicia ten gran experiencia e potencial.

Salienta que no turismo, a Comunidade está a apostar por unha fórmula que combina cultura, acougo e dose de espiritualidade a través do Camiño de Santiago, primeira ruta de peregrinación europea.

Recalca que o ano Xacobeo 2021 supón unha eclosión de iniciativas que implican a toda a comunidade e non só á hostalería; e anima ás e aos integrantes da Cámara de Comercio de España en Miami a promocionar Galicia.

  • O titular da Xunta presidiu o encontro coa Cámara de Comercio de España en Miami
    O titular da Xunta presidiu o encontro coa Cámara de Comercio de España en Miami
  • O titular da Xunta presidiu o encontro coa Cámara de Comercio de España en Miami
    O titular da Xunta presidiu o encontro coa Cámara de Comercio de España en Miami
Listen to this page using ReadSpeaker
Miami (Florida), 6 de febreiro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esbozou hoxe as capacidades económicas de Galicia e do seu tecido industrial, baseadas na innovación, na competitividade e na internacionalización. E asegurou que “hoxe, investir en Galicia é máis fácil que nunca”, presentando unha comunidade que está crecendo grazas a alianza das e dos seus emprendedores e dos seus e as súas representantes.

“O Goberno autónomo de Galicia, non debe ser empresario”, matizou, incidindo en que ten a misión de aportar estabilidade, de facilitar as iniciativas e, por riba de todo, a obriga de crear un clima apto para o emprendemento, ao que sinalou que “iso é o que se está a facer”, a través dun amplo abanico de disposicións que reducen as trabas administrativas e as cargas fiscais.

“E é tamén o que estamos facendo co fomento da cooperación entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos, a través de iniciativas innovadoras”, resaltou, transmitindo a mensaxe de que Galicia é unha comunidade de portas abertas, de camiños e pontes: “Non somos un pobo inmobilista, senón unha comunidade que se move con seguridade, sabendo de onde vén e a onde vai”.

Durante un encontro coa Cámara de Comercio de España en Miami, Feijóo fixo unha rápida panorámica á situación da economía galega, cunha mención especial, pola súa nutrida presenza nesta viaxe, ao contract. Un sector composto por máis de 100 empresas que desenvolven proxectos hostaleiros, comerciais, residenciais e de servizos por todo o mundo. Non en van, estímase que máis de 9.000 proxectos construtivos en 800 cidades do mundo contaron ou contan con provedores galegos.

O presidente do Executivo autonómico avalou a capacidade de adaptación, de cooperación e de innovación das empresas galegas para ofrecer deseños exclusivos e destreza para aportar servizos e solucións integrais, como proba a elevada internacionalización do sector, que chega ao 80% nalgúns casos.

Logo de incidir nas oportunidades que ofrece Miami neste ámbito, Feijóo lembrou ademais que é en Galicia onde se atopa a sede da primeira multinacional téxtil do mundo; onde partiu o primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas, contando coa tecnoloxía deseñada pola planta que o grupo PSA-Opel ten en Vigo, coa industria galega da automoción e co Centro Tecnolóxico da Automoción Galega; e, onde se construíron os jackets que se están a empregar nos primeiros parques eólicos mariños do mundo situados en augas de Alemaña e o Reino Unido.

“Tamén servizos como a ordenación territorial, a seguridade marítima ou a xestión forestal e de augas empregará drons con denominación de orixe galega, un sector onde estamos camiñando da man de xigantes como Boeing, Indra ou Badcock”, engadiu, destacando ademais as calidades do sector naval, da aeronáutica ou do sector agroalimentario, nos que Galicia ten gran experiencia e potencial.

O Xacobeo 2021, unha eclosión de iniciativas que implican a todas e todos
Finalmente, o responsable do Goberno galego referiuse ao turismo, un eido no que a Comunidade está a apostar por unha fórmula que combina cultura, acougo e dose de espiritualidade a través do Camiño de Santiago, primeira ruta de peregrinación europea. E, neste sentido, remarcou que o ano Xacobeo 2021 supón unha eclosión de iniciativas que implican a toda a comunidade e non só á hostalería.

“Aspiramos a que o visitante de hoxe sexa o noso embaixador do mañá”, afirmou, ao tempo que animou ás e aos integrantes da Cámara de Comercio de España en Miami a promocionar Galicia, non só como territorio apto para o investimento ou para achegar in situ a sectores prioritarios como os mencionados.

Así mesmo, recordou que a e o turista americano demostrou un interese crecente nos últimos anos polas distintas rutas xacobeas “e, neste sentido, estamos decididos a abrir todas as vías de colaboración posibles para seguir reforzando esas cifras”.

“Galicia pode e quere ser un destino económico e turístico”, sostivo, precisando que a recuperación progresiva está a permitir: crecer de forma importante –a un 2,6% anual- e por riba do resto de España; reducir o desemprego, que tamén se atopa en mellor situación que a media do conxunto do país; exportar máis nunca e, todo isto, cunha débeda controlada.

Nunha Europa onde algúns países e rexións déixanse tentar por experimentos políticos que están a danar seriamente a súa cohesión social e a súa economía, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que Galicia forma parte, en cambio, daqueles territorios “que conservan o rumbo e empregan a economía para resolver problemas e non para crealos”.

  • Audio: o presidente da Xunta de Galicia, na Cámara de Comercio de España en Miami | Descargar
615 lecturas