Feijóo sinala que a Marca Galicia se asocia a confianza e estabilidade e sitúa a Comunidade como un bo lugar para investir

O titular da Xunta participou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai. 

“Acuñamos a Marca Galicia porque é sinónimo de confianza e para que, cando unha persoa teña un produto galego, saiba que detrás hai un esforzo e un traballo cunha excelente materia prima”, asevera. 

Pon en valor as capacidades de Galicia, do seu tecido industrial e empresarial, das súas e os seus emprendedores e emprendedoras e dos seus centros tecnolóxicos. 

Incide na aposta da Xunta pola innovación e a internacionalización, “dous piares claves” para economía galega. E destaca que Galicia conta con sete centros tecnolóxicos dun nivel medio-alto que están a traballar coas universidades e coas empresas. 

Fai fincapé en que Galicia é un pobo de fiar, que ten capacidade de traballo e con disposición a aprender. E afirma que eses tres elementos son os que levaron aos emigrantes galegos e galegas a permanecer nos países aos que marcharon, a implicarse neles e a formar parte dos seus anhelos.

  • O titular da Xunta participou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai
    O titular da Xunta participou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai
  • O titular da Xunta participou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai
    O titular da Xunta participou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo, 25 de abril de 2016.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe nun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai, que a Marca Galicia se asocia a confianza e estabilidade e situou a Comunidade como un bo lugar para investir.

“Acuñamos a Marca Galicia porque é sinónimo de confianza e para que, cando unha persoa teña un produto galego, saiba que detrás hai un esforzo e un traballo cunha excelente materia prima”, aseverou, incidindo en que a nosa Comunidade é un bo lugar para investir porque é unha zona tranquila desde o punto de vista social, e onde o Goberno ten estabilidade “e é o primeiro que di: as contas cádranme”.

Sobre este punto, lembrou que a Comunidade galega vén cumprindo desde o ano 2009 o compromiso de déficit público e neste momento a previsión de déficit para 2016 é o 0,3%, “é dicir, practicamente un equilibrio da nosa economía”.

Así mesmo, salientou que somos tamén a única Autonomía que non lle pediu diñeiro ao Goberno de España para chegar a fin de mes; “e colocamos a nosa débeda pública no mercado bancario con normalidade porque os bancos se fían da solvencia da comunidade” dixo, ao que engadiu que todo isto leva unha serie de beneficios como: ser a segunda comunidade, xunto con Madrid, que menos incrementou a débeda pública durante a recesión económica; e que a débeda pública estea seis puntos en termos de PIB por debaixo da media da débeda pública das comunidades de España, o que supón menos gastos financeiros e máis capacidades para investir.

Logo de referirse tamén a que no ano 2015 o investimento con cargo ao orzamento autonómico foi aproximadamente de 500 euros por habitante, fronte aos 260 euros por habitante de media do resto das comunidades, e que o paro está catro puntos por debaixo da media do Estado; o titular da Xunta destacou a eliminación do Imposto de sucesións e doazóns para o 99% dos galegos “e, no eido rural xa non se pagan impostos por comprar, por vender ou por permutar”.

Por outra banda, afirmou que Galicia conta con infraestruturas de primeiro nivel, tanto desde o punto de vista portuario como aeroportuario e terrestre. E no tocante ao sector turístico, salientou que supón o 11% do PIB, con 4,5 millóns de persoas que visitaron a comunidade o pasado ano.

No que se refire á captación de investimento estranxeiro, Feijóo aseverou que o investimento foráneo produtivo na Comunidade creceu un 60%. E precisou que Galicia marcou nestes anos o mellor ciclo exportador da súa historia, no 2015 as vendas rexistradas no exterior foron un 5,6% maiores –o que equivale a case 19.000 millóns de euros-. “E a nosa balanza comercial ten un superávit de 3.000 millóns de euros; somos a terceira balanza positiva de España, sendo tan só o 6% do PIB, o que en termos de comparación é un dato francamente bo”, abundou.

Diante destas cifras, Feijóo expresou o seu convencemento de que a Comunidade galega, ante a recesión económica, soubo facer os seus deberes: os deberes da contención do gasto público, o equilibrio das contas públicas, pechar o exercicio cun déficit de décimas e conseguir manter a sanidade, a educación, as universidades, os servizos sociais...”, dixo, a modo de resumo.

Capacidades de Galicia, do tecido industrial e empresarial e dos centros tecnolóxicos
Durante a xuntanza, Feijóo puxo en valor as capacidades de Galicia, do seu tecido industrial e empresarial, dos seus emprendedores e emprendedoras e dos seus centros tecnolóxicos.

Así, nun primeiro termo referiuse ao sector da automoción, un sector na actualidade sólido, que conta con 25.000 traballadoras e traballadores e ocupa aproximadamente o 12-13% do PIB galego. Feijóo recordou que, logo das dificultades, PSA Peugeot-Citröen conseguiu revitalizarse e xa supera os 400.000 vehículos ao ano de produción o que beneficia a industria de compoñentes.

“Recuperamos tamén o sector naval, que na actualidade está facendo barcos. Temos que entregar dous floteles a Pemex, estamos tamén construíndo barcos remolcadores e temos pendentes novos pedidos para a ría de Ferrol”, explicou, ao que engadiu que Galicia está a facer nun dos estaleiros de Ferrol as torres máis importantes de Europa no que se refire á enerxía eólica.

Durante o encontro, o responsable autonómico fixo fincapé na aposta do Goberno pola innovación e a internacionalización, “dous piares claves” para economía galega. E, neste eido, destacou que Galicia conta con sete centros tecnolóxicos dun nivel medio-alto que están a traballar coas universidades e coas empresas.

Así mesmo, Feijóo recoñeceu a aposta da Xunta polo sector primario, recordando que Galicia é a primeira produtora de leite de España (o 46% do leite que se produce en España é galego), “somos o primeiro bosque de España, o 45% da masa forestal está na nosa Comunidade e temos unha das cooperativas agroalimentarias máis importantes de Europa, como é Coren, con máis de 6.000 produtores”.

O presidente a Xunta resaltou que Galicia está incorporando a I+D+i en diversos ámbitos: empezando por toda a cadea de produción do sector primario, ata chegar a industrias como a automoción, a biotecnoloxía ou o aeronáutico. E, a modo de exemplo, referiuse á posta en marcha do polo tecnolóxico de avións non tripulados na provincia de Lugo, a través da sinatura dun contrato con Inaer e Indra e cun investimento de 115 millóns de euros.

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que Galicia é un pobo de fiar, que ten capacidade de traballo e con disposición a aprender. E, sobre este punto afirmou que eses tres elementos son os que levaron ás e aos emigrantes galegos “a permanecer nos países aos que marcharon, a implicarse neles e a formar parte dos seus anhelos e das súas esperanzas e, tamén, a formar as familias que forman xa parte da sociedade uruguaia neste caso”. 

600 lecturas