Feijóo promociona Galicia como un lugar estable no que investir e un destino turístico único coa celebración do Xacobeo 2021

Esboza unha Galicia que crece máis que España e que está a reducir o desemprego tamén en maior medida, grazas en parte a súa capacidade internacionalizadora, batendo en 2018 novamente o seu récord de exportacións.

Sinala que as empresas galegas son hoxe máis conscientes que nunca da necesidade de innovar para ofrecer un produto diferenciado: “Por iso, tanto a industria como a Xunta estamos a potenciar a innovación”, di.

Avoga por intentar regular mellor a globalización, un fenómeno dificilmente reversible, que abarca a economía pero tamén a cultura, a comunicación e a política.

O titular da Xunta continuou hoxe a súa viaxe cun almorzo con empresarias e empresarios, organizado pola Cámara de Comercio de España en Nova York
O titular da Xunta continuou hoxe a súa viaxe cun almorzo con empresarias e empresarios, organizado pola Cámara de Comercio de España en Nova York
Listen to this page using ReadSpeaker
Nova York, 8 de febreiro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continuou hoxe a súa viaxe institucional cun almorzo con empresarias e empresarios, organizado pola Cámara de Comercio de España en Nova York, onde presentou Galicia como un lugar estable no que investir e un destino turístico único coa celebración do Xacobeo 2021.

Deste xeito, durante o encontro, organizado pola Cámara de Comercio de España en Nova York, propuxo ás e aos participantes na xuntanza promocionar a Comunidade, non só como un territorio apto para o investimento ou para aportar in situ a sectores prioritarios, senón tamén como unha terra que visitar, recordando que o Xacobeo 2021 é a principal oportunidade que a Comunidade ten para ensinarse.

Sobre este punto, subliñou que a turita e o turista americano demostraron un interese crecente nos último anos polos distintos Camiños de Santiago e incidiu na disposición de abrir todas as vías de colaboración posibles para seguir reforzando esas cifras.

Nesta liña, o responsable do Executivo autonómico resaltou o compromiso de Galicia co sector turístico, apostando por unha fórmula que combina cultura, tranquilidade e dose de espiritualidade a través do Camiño de Santiago, primeira ruta de peregrinación europea. E incidiu en que a celebración do ano santo suporá unha eclosión de iniciativas que implican a toda a comunidade e non só ao sector da hostalería.

“A nosa idea do turismo non se circunscribe á estancia, senón que implica que o viaxeiro leva consigo unha parte do que somos”, asegurou.

No encontro, Feijóo esbozou unha Galicia que crece máis que España e que está a reducir o desemprego tamén en maior medida, grazas en parte a súa capacidade internacionalizadora, batendo en 2018 novamente o seu récord de exportacións.

Igualmente, sinalou que as empresas galegas son hoxe máis conscientes que nunca da necesidade de innovar para ofrecer un produto diferenciado . “E, por iso, tanto a industria galega como a Xunta estamos poñendo todos os esforzos en potenciar a innovación; é dicir, a colaboración entre empresas, a trintena de centros tecnolóxicos galegos e as tres universidades”, afirmou, precisando que o obxectivo é establecer unha canle entre os resultados da investigación científico-tecnolóxica e a industria para que iso se traduza en novos produtos e servizos que levar ao mercado.

Un destino serio, capaz e cun enorme potencial en determinados sectores
Como terceira baza, referiuse aos fitos que consolidan a comunidade como destino serio, capaz e cun enorme potencial en determinados sectores, destacando que é en Galicia onde naceu e ten a súa sede a primeira multinacional téxtil do mundo; onde partiu o primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas, contando coa tecnoloxía subministrada pola factoría galega do grupo PSA-Opel, coa industria galega da automoción e co Centro Tecnolóxico da Automoción Galega; e, onde se están a construír os jackets dos primeiros parques eólicos mariños do mundo, situados en augas de Alemaña e o Reino Unido.

“Contamos cun centro de desenvolvemento de avións non tripulados, no que depositaron a súa confianza multinacionais do sector, incluída a americana Boeing. E, no ámbito agroalimentario, contamos con produtos de calidade cada vez máis valorados polo mercado americano”, engadiu.

Así mesmo, subliñou que a estabilidade descansa en tres piares: a democracia española, a autonomía de Galicia e a Unión Europea. “Galicia non se entende sen España, nin España se entende sen Galicia”, aseverou, precisando que a capacidade de autogoberno permite establecer políticas que se adaptan ás necesidades da cidadanía e da economía, como proba, por exemplo, a redución de trabas administrativas ás empresas e a baixada substancial da carga fiscal.

Feijóo concluíu a súa intervención, abordando o falso dilema que se establece entre globalización e protección de determinados sectores ou territorios. E, neste sentido, avogou por intentar regular mellor a globalización, un fenómeno dificilmente reversible, que abarca a economía pero tamén a cultura, a comunicación e a política.

“Facer do mundo a nosa casa supón que os que vivamos nela teñamos normas parecidas, de forma que ninguén se sinta un simple hóspede”, dixo, ante o risco evidente de que a economía global fracture as nosas sociedades e ofreza escusas aos inimigos da liberdade económica e política.

Audios:

  • Audio 1: o presidente da Xunta, no almorzo co empresariado en Nova York (1) | Descargar
  • Audio 2: o presidente da Xunta, no almorzo co empresariado en Nova York (2) | Descargar
  • Audio 3: o presidente da Xunta, sobre Cataluña, en Nova York | Descargar

 

800 lecturas