Feijóo sinala que a nova plataforma de internacionalización servirá “como ponte para que as empresas galegas vendan máis en México e as mexicanas entren en Europa a través dun pobo cumpridor como o galego”

O presidente da Xunta presenta na capital mexicana unha das 15 entidades da Rede Pexga, e resalta que “no que resta de lexislatura, a priorización da política económica da Xunta é a internacionalización”.

Salienta que servirá para reforzar o negocio en sectores nos que xa existen importantes niveis de colaboración, como o agroalimentario, o conserveiro, o téxtil, a pedra, a pizarra, a automoción, o sector enerxético ou o sector das tecnoloxías.

Asegura que “esa Galicia que ve no mundo a posibilidade de facerse máis forte é a que se pon a traballar desde esta plataforma e é a mesma que o vai facer de forma paralela e progresiva noutros 13 países: en total, un mercado de 3.600 millóns de persoas”.

Destaca que o obxectivo da Rede Pexga é aumentar ata 2013 en 700 as empresas galegas exportadoras e incrementar en 3.400 millóns o volume de negocio exterior.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destaca que que "desde esta nova plataforma mexicana, poñemos a disposición das empresas, servizos individualizados en destino, co fin de orientalas na súa acción en mercados internacionais".

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de setembro de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte que a Plataforma Empresarial no Exterior (Pexga) posta en marcha na capital do país azteca servirá “como ponte para que as empresas galegas vendan máis en México e as mexicanas entren en Europa a través dun pobo comprometido e cumpridor como é o pobo galego”. Así o dixo o xefe do Goberno galego na presentación da nova entidade, que forma parte dunha rede de 15 plataformas espalladas por 14 países co obxectivo de incrementar o volume de negocio exterior das empresas galegas.

“No que resta de lexislatura, a priorización da política económica da Xunta é a internacionalización”, resaltou, engadindo que “mentres España non volva recuperar os sus índices de consumo, nós temos que ir aos países emerxentes, e México o é”. Nese sentido, subliñou o obxectivo marcado polo Goberno galego de incrementar o volume das exportacións galegas co país americano pasando dos 140 millóns de euros a 260 millóns en 2013”. Ao mesmo tempo, sinalou a necesidade de incrementar tamén o investimento directo en Galicia procedente de México.

Feijóo insistiu en que a internacionalización da economía galega “non é só un compromiso, senón que tamén é unha necesidade obxectiva” e se amosou convencido de que a nova plataforma Pexga funcionará como “un soporte capaz de reforzar os sectores nos que xa existen importantes niveis de colaboración, como o agroalimentario, o conserveiro, o téxtil, a pedra, a pizarra, a automoción, o sector enerxético ou o sector das tecnoloxías”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que “esa Galicia que ve no mundo a posibilidade de facerse máis forte é a que se pon a traballar desde esta plataforma e é a mesma que o vai facer de forma paralela e progresiva noutros 13 países: en total, un mercado de 3.600 millóns de persoas, das que 112 millóns están aquí en México”.

O titular do Goberno autonómico enmarcou esta rede no convencemento de que “a estratexia de internacionalización non podía ser un arquipélago de illas inconexas entre si, senón un conxunto de diversos actores que teñen distintas responsabilidades pero que teñen que camiñar xuntos porque teñen un mesmo obxectivo e comparten unha estratexia”.

Salientou o presidente da Xunta que as 5.000 empresas exportadoras de Galicia fan da nosa autonomía unha das máis internacionalizadas de España pero afirmou que “non nos conformamos”, e por iso o Executivo autonómico impulsa esta rede de plataformas para chegar en 2013 ao obxectivo de ter 700 novas empresas exportadoras e incrementar o volume total de negocio exterior en 3.400 millóns de euros, é dicir, un 22% máis.

Javier Guerra: “Creamos servizos de apoio para empresas individualizados e en destino”
No mesmo acto, o conselleiro de Economía e Industria salientou que, "xunto coa innovación e a mellora da competitividade, o impulso á internacionalización das empresas galegas é clave para que Galicia poda retomar a senda do crecemento económico".

Neste senso sinalou que a internacionalización e a apertura da economía galega en todos os sentidos, é unha das políticas estratéxicas clave para o Goberno de Galicia. Por iso -asegurou Guerra- estamos a dar un paso máis coa creación desta ferramenta fundamental, a Rede Pexga, co obxectivo de ser un instrumento para facilitar as exportacións galegas, sobre todo das pemes, así como a captación de inversións dirixidas á nosa terra".

Destacou o conselleiro que "desde esta nova plataforma mexicana, poñemos a disposición das empresas, servizos individualizados en destino, co fin de orientalas na súa acción en mercados internacionais". "Cómpre lembrar –dixo Guerra- que especialmente no eido económico as alianzas fannos fortes, permitindo actuar con mais seguridade e con maiores posibilidades de éxito no acceso a novos mercados"

Centenario do Centro Galego de México
O sábado, o presidente da Xunta participou tamén no acto conmemorativo do centenario do Centro Gallego de México, onde se lle rendeu homenaxe aos seus fundadores e fundadoras e á numerosa colectividade galega no país, formada por 100.000 galegos e galegas. Deles e delas destacou Alberto Núñez Feijóo a súa achega tanto á construcción da prosperidade do país mexicano como ao mantemento e espallamento dos principias valores da cultura galega.

1197 lecturas