Feijóo e Martinelli poñen en común os vínculos históricos e de intereses comerciais entre Galicia e Panamá e a posibilidade de estreitar relacións económicas nos ámbitos das infraestruturas, das enerxías e da loxística

O responsable do Goberno galego mantivo, onte pola tarde (esta madrugada en Galicia), un encontro co presidente da República de Panamá.

O titular da Xunta resalta a posibilidade de estreitar relacións económicas co país panameño no ámbito das infraestruturas, as obras públicas. “Panamá –di- é un país emerxente, que está facendo grandes infraestruturas viarias e portuarias“.

Feijóo incide nas posibilidades económicas no ámbito das enerxías, “no ámbito eólico”, e no ámbito da loxística “entre os portos galegos e as posibilidades que dá o Canal de Panamá”.

O presidente do Goberno galego visitou, tamén, a Sociedade Española de Beneficencia, onde se reuniu coa colectividade galega. Alí avogou por aproveitar o talento das novas xeracións de emigrantes que son hoxe en día grandes emprendedores e emprededoras en diversos sectores económicos.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de setembro de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República de Panamá, Ricardo Martinelli, puxeron en común, nunha reunión mantida onte pola tarde (esta madrugada en Galicia), os vínculos históricos e de intereses comerciais entre Panamá e Galicia e a posibilidade de estreitar relacións económicas en tres ámbitos: infraestruturas, enerxías e loxística.

Feijóo agradeceu a Ricardo Martinelli este encontro así como os mantidos cos ministros de Obras Públicas e de Vivenda e Ordenación do Territorio. “Acabamos de manter unha entrevista –explicou- co presidente da República de Panamá, onde puxemos en común os vínculos entre Panamá e Galicia. Vínculos históricos, porque hai máis de 3.000 galegos residindo en Panamá desde hai moito tempo; fai 100 anos que os galegos estaban axudando a construír o primeiro canal. E vínculos de intereses comerciais como consecuencia da ampliación do canal, neste momento, en plena execución e que finalizará en 2014”.

O responsable do Goberno galego salientou a posibilidade, tamén, de estreitar relacións económicas co país panameño en varios ámbitos. E, neste sentido, referiuse, nun primeiro termo, ás infraestruturas, ás obras públicas: “Panamá –dixo- é un país emerxente, que está facendo grandes infraestruturas viarias e portuarias. Neste momento é unha das grandes economías de Hispanoamérica. Está crecendo por riba do 10%, ten practicamente pleno emprego e un déficit público de 1 - 1,5 puntos, totalmente controlado”.

Así mesmo, incidiu nas posibilidades económicas no ámbito das enerxías, “no ámbito eólico”, e no ámbito da loxística “entre os portos galegos e as posibilidades que dá o Canal de Panamá”.

Visita á Sociedade Española de Beneficencia
Con anterioridade, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a Sociedade Española de Beneficiencia, onde se reuniu coa colectividade galega. Alí avogou por aproveitar o talento das novas xeracións de emigrantes que son hoxe en día grandes emprendedores e emprendedoras en diversos sectores económicos. Ademais, instou a que Galicia, pola situación xeográfica como “porta de entrada de América en Europa e antesala de Europa en América”, lle dea un novo pulo ás relacións entre as comunidades españolas e o outro lado do Atlántico.

1154 lecturas