Feijóo avoga por coordinar o ancheamento do Canal de Panamá coa especialización dos portos galegos, para que Galicia se converta na conexión entre a Europa do norte e a mediterránea

O presidente da Xunta reuniuse, en Panamá, co administrador do Canal, Alberto Alemán.

Cualifica de “oportunidade histórica” a duplicación da capacidade do Canal de Panamá: “é unha oportunidade enorme, de loxística, de negocios, de mercadorías e de intercambios” que a comunidade ten que aproveitar, sinala.

“Temos que tentar que do xeito que o Canal de Panamá é a conexión entre o océano Atlántico e o océano Pacífico, os portos galegos sexan entrada e saída das mercadorías cara o norte de Europa e cara a Europa mediterránea”, afirma.

Destaca que actualmente hai en execución 1.000 millóns de euros na ampliación dos portos galegos.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de setembro de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avoga por coordinar o ancheamento do Canal de Panamá, actualmente en marcha, coa especialización dos portos galegos de interese xeral, co obxectivo de que Galicia se converta na “conexión entre a Europa do norte e a mediterránea”. Así o sinalou o titular do Goberno galego durante a súa viaxe a Panamá, antes de reunirse co administrador do Canal, Alberto Alemán. “Vaise duplicar esa vía de acceso entre o océano Atlántico e o mar Caribe e o océano Pacífico e, polo tanto, hai unha oportunidade histórica que temos que aproveitar”, sinalou.

“Imos tentar que, do xeito que este Canal é a conexión entre o océano Atlántico e o océano Pacífico, Galicia sexa tamén a conexión entre a Europa do norte e a Europa mediterránea”, insistiu Feijóo, quen manifestou que se trata dunha oportunidade “enorme”, “de loxística, de negocios, de mercadorías e de intercambios coas autoridades do Canal e, posteriormente, co presidente da República Panameña e o seu ministro de Obras Públicas”.

Entre o 5 e o 6% do tráfico de mercadorías do mundo, polo Canal de Panamá
Feijóo avanzou, neste sentido, a súa intención de trasladar ás autoridades do Canal o compromiso de Galicia de “estar atentos” a uns traballos que finalizan no ano 2014 e que duplicarán a capacidade dunha infraestrutura que actualmente capta entre o 5 e o 6% do tráfico total de mercadorías do mundo e entre 13.000 e 14.000 barcos.

“O sistema portuario galego, os portos de interese xeral, Ferrol, A Coruña, Vigo, Marín e Vilagarcía, teñen que traballar con esta nova realidade”, salientou o titular da Xunta, quen remarcou que actualmente hai en execución 1.000 millóns de euros na ampliación e mellora dos portos galegos. “Imos, espero que nas próximas semanas, concretar a especialización do porto de Ferrol nun porto de contedores; que o Porto Exterior da Coruña se converta nun gran porto de graneis sólidos e líquidos”, destacou o presidente da Xunta lembrando que os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía están ampliando o seu calado e superficie.

1056 lecturas