Feijóo e Margallo asinan un convenio para trasladar as oficinas do exterior aos espazos institucionais do Goberno español, o que permitirá aforrar o 66% dos custos, evitar duplicidades e mellorar a efectividade do gasto público

“Tomamos a decisión de trasladar a oficina de París, de Berlín e de Estambul ás instalacións do ICEX ou das embaixadas, en función da dispoñibilidade loxística, e en función da dispoñibilidade de espazo”, avanza Feijóo, asegurando que “imos proseguir por esta vía” porque, dixo, “é evidente que temos un aforro de custos importante”

Lembra que esta é a primeira vez “que temos un ofrecemento do Goberno de España para ubicar as oficinas comerciais” nas súas sedes exteriores e que Galicia vai aproveitar este ofrecemento xa que permitirá “aforrar, diminuír, evitar duplicidades e mellorar a efectividade do gasto público”

Trasládalles ao ministro e ao secretario de Estado que a internacionalización da economía galega está sendo “frutífera”, que Galicia é a segunda comunidade con maior superávit na súa balanza comercial e infórmaos sobre as negociacións coa petroleira mexicana Pemex para pechar contratos para os estaleiros galegos

Plantéxalles a posibilidade de que a Marca España teña en conta “as especificidades do Norte, do Noroeste e, concretamente, de Galicia”

  • O presidente da Xunta reuniuse onte co ministro García-Margallo
    O presidente da Xunta reuniuse onte co ministro García-Margallo
  • O presidente da Xunta reuniuse onte co ministro García-Margallo
    O presidente da Xunta reuniuse onte co ministro García-Margallo
Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse onte a mañá co ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, José Manuel García-Margallo e co secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz, para asinar un protocolo de colaboración para trasladar as oficinas do exterior aos espazos institucionais que posúe o Goberno español, unha medida que, segundo adiantou o mandatario galego, permitirá aforrar arredor do 66% dos custos, evitar duplicidades e mellorar a efectividade do gasto público.

“Tomamos a decisión de trasladar a oficina de París, de Berlín e de Estambul ás instalacións do ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior) ou das embaixadas, en función da dispoñibilidade loxística, e en función da dispoñibilidade de espazo”, concretou Feijóo na rolda de prensa posterior á sinatura, asegurando que “imos proseguir por esta vía” porque, dixo, “é evidente que temos un aforro de custos importante”.

A este respecto, indicou que, tanto en Shanghai, como en Berlín, como en Moscova, o aforro de custos é do 66%, polo tanto, os empresarios galegos, as cámaras de comercio galegas e a Administración autonómica galega pagarán dous terzos menos polas súas instalacións, modestas, pero instalacións, nas oficinas que viñamos ocupando, e que agora ocuparemos en instalacións do ICEX ou da embaixada.

Feijóo lembrou que esta é a primeira vez “que temos un ofrecemento do Goberno de España para ubicar as oficinas” nas súas sedes exteriores, oficinas que, lembrou, “non son produto exclusivamente do orzamento autonómico, senón que as oficinas comerciais que ten Galicia son produto dunha alianza entre os empresarios galegos, as cámaras de comercio galegas e a Xunta de Galicia, polo tanto, é unha oficina cofinanciada con fondos privados e con fondos públicos. E, dado que temos o ofrecemento formal, tanto do Ministerio de Economía como do Ministerio de Asuntos Exteriores, pois imos utilizar, sen ningunha dúbida, os espazos e as instalacións do Goberno español para aforrar, para diminuír, para evitar duplicidades e para mellorar a efectividade do gasto público”, aseverou ao respecto.

Internacionalización da economía galega
O encontro mantido onte tamén serviu, en palabras do mandatario autonómico, para intensificar as relacións de Galicia con este Ministerio, “clave para España e clave para Galicia, dado que historicamente Galicia tivo unha relación moi aberta, moi antiga e moi intensa co exterior”.

Así, tras lembrar que hai moitos anos “que os galegos traballamos no exterior” e que un millón e medio de galegos viven fóra de Galicia e fóra de España”, incidiu en que o convenio asinado onte se centra, fundamentalmente, na internacionalización da economía galega e “na aposta por abrir un camiño para que as empresas galegas exporten e para que, durante o momento de contracción do mercado interior, do mercado interno español, as empresas galegas poidan mellorar as súas contas de resultado e seguir producindo e vendendo noutros mercados que non sexa o mercado nacional”.

A este respecto, Feijóo explicou que a senda de internacionalización da economía galega está sendo “frutífera” porque, argumentou, “as nosas exportacións están marcando un récord histórico: somos a segunda comunidade autónoma con maior superávit da nosa balanza comercial e temos o maior superávit no ano 2011 entre as importacións e as exportacións galegas”, aseverou.

“Imos seguir por esta vía e tamén pola vía de atraer investimentos a Galicia”, incidiu avanzando que, a tal efecto, informou ao ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación “das negociacións coa primeira empresa de América Latina, que é a cuarta petroleira do mundo, Pemex, que darán traballo a estaleiros públicos e privados na comunidade autónoma, na ría de Vigo e na ría de Ferrol”.

Especificidades de Galicia na Marca España
Por último, o presidente da Xunta abordou co ministro e co secretario de Estado de Comercio “outra cuestión que nos interesa moito a Galicia -ademais da internacionalización da economía, ademais de buscar espazos que melloren a diminución do gasto público e de gasto privado das empresas galegas e da administración autonómica-, a Marca España”. A este respecto, subliñou que, para Galicia, esta é unha iniciativa “moi procedente neste momento, clave para as empresas españolas e clave para a economía das comunidades que conforman España”. Po iso lle trasladou ao ministro e ao secretario de Estado o interese de Galicia por ter un papel “máis activo” na Marca España. “Plantexeille que a marca España tamén é o Atlántico, tamén é a España verde e tamén, desde o punto de vista cultural, é a música de raíces celtas, a música que conecta con países lusófonos como Brasil; polo tanto, plantexámoslle que a Marca España teña en conta tamén as especificidades do Norte, do Noroeste e, concretamente, de Galicia”, abondou.

Dentro da Marca España, o presidente galego fixo especial fincapé no Camiño de Santiago, lembrando que “segue atraendo peregrinos” e que camiña cara a unha internacionalización “non só en Europa, senón en América Latina e, moi especialmente, -dixo-, no gran país de América Latina que é Brasil”. “A tal efecto, abondou Feijóo, plantexarémoslle propostas para que cando a Marca España se presente en calquera país do mundo toda a cultura galega, todo o turismo verde e o Atlántico forme parte da marca do noso país”.

O presidente non quixo rematar a súa intervención sen agradecerlle ao ministro e ao secretario de Estado “a súa receptividade” e “a súa colaboración” e reiteroulle que a comunidade galega, seguirá traballando “desde a cooperación e desde a lealdade ao noso país, do que formamos parte”.

553 lecturas