Feijóo asegura que o comunicado da banda terrorista ETA “é insuficiente” e que a única saída posible é a súa desaparición.

O presidente da Xunta recalca que “a palabra dun terrorista ten pouco valor”.

Amosa a súa preocupación porque o anuncio de ETA “non sexa un disfraz para tentar colarse nos concellos nas próximas eleccións municipais.

Subliña o seu total respaldo e apoio ao Goberno de España e ás Forzas de Seguridade do Estado na loita, coa lei, contra o terrorismo.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualifica de “insuficiente” o comunicado emitido esta mañá pola banda terrorista ETA no que declara un alto o fogo “permanente, xeral e verificable”. Nada máis coñecer o contido de dito comunicado, o presidente galego recalcou que ETA só dispón dun camiño posible, que é a súa desaparición. “O único modo no que ETA pode expresarse con claridade é desaparecendo. Todo o demais é tentar confundir aos cidadáns”, subliñou Núñez Feijóo.

O presidente asegura que recibiu este anuncio “con cautela e escepticismo, porque estamos ante terroristas que mataron a máis de mil persoas”. Precisamente estes feitos corroboran que “a palabra dun terrorista ten pouco valor e, por iso, o comunicado é insuficiente”.

Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo amosou todo o “respaldo e apoio” ao Goberno de España e ás Forzas de Seguridade do Estado na súa loita, coa lei, contra o terrorismo. Non obstante, o presidente da Xunta incidiu en que “non podemos relaxarnos na loita contra o terrorismo” e advertiu que “espero que este alto o fogo non sexa un disfraz para tentar colarse nos concellos nas próximas eleccións municipais”.

1500 lecturas