O Secretario Xeral da Emigración reúnese en Córdoba (Arxentina) co Secretario de Turismo para establecer lazos de colaboración

Santiago Camba reuniuse este luns con José Jaime García Vieyra con quen analizou vías de cooperación entre Galicia e Córdoba respecto das rutas culturais e turísticas, entre outros aspectos.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, reuniuse este luns co Secretario de Cultura da Provincia de Córdoba, José Jaime García Vieyra, con quen analizou vías de colaboración e cooperación entre os dous executivos rexionais.

Segundo manifestou o propio García Vieyra tralo encontro, esta primeira xuntanza que ten como principal obxectivo a colaboración da Secretaría de Cultura do Goberno de Córdoba e a Xunta de Galicia para traer a esta provincia arxentina a mostra “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010”, tamén serviu para presentar o proxecto cordobés do “Camiño Real”. “Estamos moi contentos e moi satisfeitos”, indicou García Vieyra.

Pola súa banda, Santiago Camba subliñou que avanzou co Goberno de Córdoba “distintos aspectos nos que estamos vencellados”. “Esta provincia ten o Camiño Real e nós temos o Camiño de Santiago”, dixo e engadiu que “nese sentido estivemos vendo de establecer vías de cooperación e colaboración que poden ser importantes tanto para Córdoba como para Galicia”.

No encontro, celebrado no Pazo da Secretaría de Cultura do Goberno da Provincia, tamén participaron o Cónsul Xeral de España en Córdoba, Rafael Soriano Ortíz, e o Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro.

Casa Galicia de Córdoba e inauguración da exposición
Dentro desta axenda institucional da súa viaxe a Córdoba, o Secretario Xeral da Emigración tamén visitará as instalacións de Casa de España e Casa Galicia de Córdoba, acompañado polo Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro. E, máis tarde, inaugurará, xunto co Secretario de Cultura da Provincia de Córdoba, a mostra fotográfica sobre o Camiño de Santiago, no Paseo del Buen Pastor.

En imaxes
1897 lecturas