Feijóo cre necesario “centrar a axenda na internacionalización da economía galega” para expandir a nosa capacidade produtiva e que Galicia non se limite a “vender a un país que non consume”

O presidente inicia unha viaxe institucional co obxectivo de abrir unha vía de dobre sentido que facilite tanto a presenza de Galicia en Iberoamérica como a atracción de novos investimentos cara a comunidade.

Márcase como obxectivo prioritario en Panamá converter os portos galegos en “porta de entrada” das novas rutas marítimas que se abrirán coa ampliación do Canal dese país centroamericano.

O acto central en México será a inauguración da plataforma de exportacións, unha das primeiras que comeza a funcionar dentro da rede de 15 oficinas que liderarán a estratexia de internacionalización galega en 14 países.

A visita dá cumprimento o compromiso adquirido pola Xunta de priorizar en todas as súas saídas ao exterior o contido económico, que centrará distintos encontros con emprendedores e reunións institucionais ao máis alto nivel en ambos os dous países.

O titular da Xunta tamén visitará á colectividade que conforman os arredor dos 3.000 galegos e galegas que residen en Panamá e os e as máis de 10.000 afincados en México.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, á súa chega a Panamá –nunha recepción ofrecida polo embaixador de España en Panamá, Jesús Silva- que é fundamental establecer alianzas estratéxicas con países emerxentes como Panamá e México para paliar os efectos da dificilísima situación española e para apoiar na internacionalización a recuperación da economía galega.

“Visitar dous países emerxentes, países onde está crecendo a economía e países onde esta a haber un incremento importantísimo de consumo, de necesidade de infraestruturas, enerxía e outras materias que podemos intercambiar” é o obxectivo desta viaxe coa que o Presidente quere “centrar a axenda da Xunta de Galicia na internacionalización da economía galega”. “Galicia neste momento está exportando máis que nunca e temos que seguir exportando porque non podemos limitarnos a vender a un país que non consume, que é España, e como a crise española está afectando claramente á economía galega temos que expandir a nosa capacidade produtiva e de aí ven esta aposta pola internacionalización”, sinalou o presidente da Xunta.

Feijóo resaltou que inicia esta viaxe institucional co obxectivo de abrir unha vía de dobre sentido que facilite tanto a presenza dos emprendedores galegos en Iberoamérica como a atracción de novos investimentos cara a comunidade. “O obxectivo é abrir posibilidades de investimento estranxeiro en Galicia e tamén de que os empresarios galegos poidan investir en México e en Panamá” dixo Feijóo, que incidiu en que este dobre obxectivo centrará os tres tipos de encontros que manterá: encontros empresariais; encontros institucionais ao máximo nivel, que incluirán unha visita ao presidente panameño, Ricardo Martinelli, e unha visita ao presidente mexicano, Felipe Calderón; e encontros coa colectividade galega, que en ambos países ten un marcado carácter empresarial.

O titular da Xunta márcase como obxectivo prioritario en Panamá converter os portos galegos en “porta de entrada” das novas rutas marítimas que se abrirán coa ampliación do Canal. Feijóo sinalou que “o Canal de Panamá é unha porta de entrada entre o mar Caribe e o océano Pacífico e Galicia é unha porta de entrada co norte de Europa e a Europa mediterránea e aí hai unha posibilidade na que tentaremos avanzar co administrador do Canal” no encontro que manterá con el.

E destacou que o acto central en México será a inauguración da Plataforma Empresarial de Exportación Galega, unha das primeiras que comeza a funcionar dentro da rede de 15 oficinas que liderarán a estratexia de internacionalización galega en 14 países.

Así mesmo, subliñou que esta visita dá cumprimento ao compromiso adquirido pola Xunta de priorizar en todas as súas saídas ao exterior o contido económico, que centrará distintos encontros con emprendedores e reunións institucionais ao máis alto nivel en ambos os dous países.

O presidente do Goberno galego visitará, tamén, durante a súa estancia en Centroamérica á colectividade que conforman os arredor dos 3.000 galegos e galegas que residen en Panamá e os máis de 10.000 afincados e afincadas en México.

1018 lecturas