Conde inicia unha viaxe institucional a México e Perú para abrir novas posibilidades de negocio ás empresas galegas

O conselleiro de Economía e Industria respaldará a participación do naval galego na feira internacional Enmar, na cidade mexicana de Mazatlán.

Conde manterá nos dous países encontros con representantes institucionais e empresariais co obxectivo de identificar oportunidades de colaboración.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2013.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, inicia hoxe unha viaxe institucional a México e Perú, países nos que manterá diferentes encontros con representantes institucionais e empresariais co obxectivo de apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego e identificar novas oportunidades de negocio para as compañías da Comunidade no continente americano.

En México Conde respaldará mañá a participación da Asociación Clúster do Naval Galego (Aglunaga) e diferentes empresas galegas do sector no Encontro de Negocios Marítimos Enmar, que terá lugar na cidade de Mazatlán, no Estado de Sinaloa. Asistirán a esta feira internacional compañías como Navantia, Freire, Astilleros José Valiña, Ibercisa, Gabadi, Ghenova, Industrias Ferri ou Nodosa.

A participación en Enmar permitirá continuar proxectando a nivel internacional a innovación tecnolóxica e a capacidade do naval galego, así como establecer contactos con potenciais clientes de diferentes países e outras empresas participantes.

Posteriormente o conselleiro visitará Perú, un país que está a experimentar un crecemento económico por enriba da media do seu entorno e que supón, polo tanto, unha área de especial interese para as empresas galegas.

Na capital do país andino Francisco Conde manterá diversos encontros con representantes empresariais e institucións, avanzando así na estratexia de diplomacia comercial que está a desenvolver o Goberno galego, dentro da aposta da Xunta por impulsar a internacionalización do tecido empresarial como un dos eixos principais para a reactivación da economía da Comunidade.

718 lecturas