Feijóo e Calderón acordan establecer unha axenda bilateral centrada na economía que faga “máis frutífera” a relación entre Galicia e México

O presidente galego di que México vai a ser “absolutamente prioritario” no que resta de lexislatura na estratexia de internacionalización da economía galega.

O titular da Xunta móstrase moi satisfeito polas “expectativas” que se abren tralo encontro co presidente mexicano xa que este é un país emerxente e cunha gran capacidade de consumo en sectores claves da economía galega.

Entre os sectores que marcarán esa senda de intercambio, citou o naval, a pesca e acuicultura, o téxtil, o vitivinícola ou o eólico.

Feijóo di que a Plataforma de Exportación Empresarial que inaugurará mañá mesmo en México tamén será clave para incrementar as vías de colaboración empresarial e comercial con ese país.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de México, Felipe Calderón, acordaron o pasado venres establecer unha axenda bilateral centrada fundamentalmente na economía, a través da cal sexa posible lograr “unha relación máis frutífera” entre Galicia e o país mexicano.

Tralo encontro que mantiveron na tarde do pasado venres, e no que tamén participaron o Secretario de Economía do Goberno mexicano, Bruno Ferrari García de Alba, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, Feijóo agradeceu o interese do presidente mexicano en afondar nos contactos económicos coa comunidade galega e con carácter recíproco, é dicir, tanto para lograr a entrada de empresas galegas nos mercados mexicanos como para atraer novos investimentos dese país en Galicia.

“Agradézolle a oportunidade de poder ter este contacto cun dos grandes presidentes de Latinoamérica e cun dos grandes países do mundo”, resaltou Feijóo e, tras acreditar a “vontade inequívoca” de Calderón por potenciar os lazos económicos dese país con Galicia, Feijóo explicou que a partir de agora será o responsable económico do Goberno mexicano quen tutelará as conversas co Executivo galego. Entre os sectores que marcarán esa senda de intercambio, citou o naval, a pesca e acuicultura, o téxtil, o vitivinícola ou o eólico.

Na que é a súa segunda visita institucional a México, o titular da Xunta insistiu en que este país vai a ser “absolutamente prioritario” no que resta de lexislatura na estratexia de internacionalización da economía galega. “México é, sen ningunha dúbida, un dos grandes países do mundo”, subliñou o presidente galego e, como exemplo disto, recordou que o país mexicano é a segunda economía de Latinoamérica, mantivo un crecemento sostido nos últimos anos, ten unha porcentaxe de desemprego de arredor do 5 por cento e case non ten déficit público.

“México é unha oportunidade que non podemos desaproveitar”, enfatizou o presidente galego, e destacou que se trata dun país emerxente cunha porcentaxe de emprego excelente e cunha elevada taxa de exportación, así como cunha enorme capacidade de consumo en sectores clave da nosa economía por parte dos máis de 110 millóns de persoas que viven en México.

Por iso, mostrouse moi satisfeito polas “expectativas” que se abren tralo encontro con Calderón, con quen tamén falou dos e das emigrantes galegos que residen nese país e que, en moitos casos, despregaron negocios moi importantes para a economía mexicana, algo que, para Feijóo, “A través da colectividade galega coñecen a nosa forma de ser e de traballar”, explicou, e considerou que isto é un valor engadido para profundar nas relacións económicas entre Galicia e México. Na mesma liña, explicou que a Plataforma de Exportación Empresarial que inaugurará mañá mesmo en México tamén será clave para incrementar as vías de colaboración empresarial e comercial con ese país.

Con anterioridade, o presidente galego reuniuse co Secretario de Economía do Goberno mexicano, Bruno Ferrari García de Alba, co que tamén tivo ocasión de afondar en novas posibilidades de colaboración entre Galicia e México. Tralo encontro con Calderón, Feijóo desprazouse cara unha audiencia co Xefe de Goberno do Distrito Federal de México, Marcelo Ebrard Casaubon.

958 lecturas