Feijóo constata o interese das e dos emprendedores por aproveitar os vínculos históricos entre Galicia e Cuba para acompañar ao pobo cubano na súa vontade manifesta de desenvolvemento

O titular da Xunta preside un encontro de traballo coa ‘Asociación de Empresarios Españoles en Cuba’ e a misión comercial galega desprazada estes días á Habana.

Destaca que Cuba está a adoptar nos últimos tempos decisións económicas “nas que os empresarios galegos e españois poden participar” e destaca o carácter estratéxico do país para contribuír á consolidación do cambio de ciclo que comeza a apreciarse na economía española e na galega.

Subliña que a evolución do PIB galego é dúas décimas máis favorable á do español e sinala como causas as fortalezas da nosa economía en sectores “que poden confluír cos intereses cubanos”.

Sinala a enerxía, a automoción ou a industria agroalimentaria como puntos fortes da nosa economía que teñen en Cuba grandes perspectivas de desenvolvemento e avoga por explorar a colaboración no lácteo, no téxtil, a pesca ou a transferencia de coñecemento.

  • Alberto Núñez Feijóo, co vicepresidente do Consello de Estado e do Consello de Ministros da República de Cuba, Miguel Díaz Canel
    Alberto Núñez Feijóo, co vicepresidente do Consello de Estado e do Consello de Ministros da República de Cuba, Miguel Díaz Canel
  • O presidente da Xunta durante a xuntanza co ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla
    O presidente da Xunta durante a xuntanza co ministro de Relacións Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla
  • Feijóo preside a sinatura do convenio entre a Asociación de Empresarios Españoles en Cuba e a Cámara de Comercio de Santiago
    Feijóo preside a sinatura do convenio entre a Asociación de Empresarios Españoles en Cuba e a Cámara de Comercio de Santiago
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 6 de decembro de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que durante a súa estadía en Cuba está a constatar o interese de distintos emprendedores e emprenderoas por aproveitar os lazos históricos entre Galicia e o país caribeño como unha oportunidade para acompañar ao pobo cubano na súa vontade manifesta de novos desenvolvementos. “O vínculo emocional, a historia compartida, o idioma, e, sobre todo, os 38.500 galegos que viven nesta terra fan do noso país o interlocutor natural para o contacto comercial entre Cuba e Europa”, manifestou.

Durante o encontro que hoxe mantivo coa Asociación de Empresarios Españoles en Cuba e os membros da misión comercial galega desprazada á Habana coincidindo coa viaxe do presidente da Xunta, este sinalou que Cuba está a adoptar nos últimos tempos decisións económicas nas que as e os empresarios galegos e españois poden e queren participar. De feito, a Cámara de Comercio de Santiago asinou hoxe un protocolo de colaboración coa Asociación de Empresarios Españoles en Cuba, como xa fixera onte coa Cámara de Comercio de Cuba.

Feijóo avogou por ter en conta a crecente vitalidade das exportacións europeas a Cuba para entender o carácter estratéxico que este mercado pode ter “para unha economía como a galega que ten actualmente no exterior un importante balón de osíxeno”. E, ademais, afirmou que Cuba “pode contribuír a facer máis forte ese cambio de ciclo que comeza a apreciarse na economía española e que ten en Galicia unha das súas máis claras manifestacións”.

Nese sentido, o mandatario autonómico apuntou que o PIB galego rexistrou no terceiro trimestre do ano a súa primeira taxa positiva en moito tempo e confirmou así a saída da Autonomía da recesión. Aínda que un crecemento dun 0,1% é, en palabras do presidente da Xunta “un sinal débil”, a súa análise en termos interanuais indica, engadiu, “unha mellora que chega a medio punto e que nos sitúa, ademais, dúas décimas por diante da media española”.

Estes datos son, segundo Alberto Núñez Feijóo, “unha mostra de que a economía galega comeza a recuperar o seu pulso” grazas a que nela existen importantes fortalezas, moitas das cales, sinalou, “poden confluír cos intereses cubanos”.

A ese respecto, afirmou que “a enerxía, a automoción ou a industria agroalimentaria son algúns deses puntos fortes do noso tecido produtivo que presentan grandes perspectivas de desenvolvemento en Cuba”, posto que están a ser obxecto do impulso investidor que rexistra este país. Xunto con isto, o presidente autonómico referiuse ao sector lácteo, ao téxtil, á pesca ou á transferencia de coñecemento como campos económicos nos que Galicia e Cuba “teñen un interesante terreo que explorar da man”.

O presidente da Xunta subliñou que o Goberno galego, que vén centrando a súa política empresarial no fomento da calidade, da innovación e da internacionalización, será “un apoio seguro” para quen decida explorar opcións de intercambio con Cuba. Esa é, afirmou, a obriga do Executivo autonómico “como vía para achegar dous pobos irmáns”, como “forma de contribuír, desde o respecto, ao desenvolvemento dun país no que viven tantos dos nosos aos que tanto lles debemos”, e como “estímulo para unha economía, a galega, que necesita do exterior para consolidar o seu retorno ao crecemento”.

Segunda xornada do presidente da Xunta en Cuba
O presidente da Xunta mantivo este encontro de traballo coa Asociación de Empresarios Españoles en Cuba e cos membros da misión comercial de Galicia na Habana como primeiro acto da segunda xornada da súa estadía en Cuba.

Na mañá de hoxe (tarde en Galicia) o presidente galego ten tamén previsto participar nunha ofrenda floral ante o monumento a José Martí e manter un encontro co ministro de Relacións Exteriores da República de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla. Posteriormente, manterá un xantar o vicepresidente do Consello de Estado e do Consello de Ministros, Miguel Díaz Canel.

Xa pola tarde, Feijóo presidirá a presentación da longametraxe de animación Meñique, unha coprodución galega-cubana entre os estudos de animación do Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) e a produtora galega Ficción Producciones, e co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da Televisión de Galicia e do Goberno de España.

919 lecturas