Feijóo reúnese con Raúl Castro e transmítelle que “os case 40.000 galegos na illa son a principal razón para que Galicia se abra a Cuba e Cuba se abra a Galicia”

Anima ás autoridades cubanas a continuar o proceso de actualización que teñen anunciado nos últimos anos e agradécelles o acordo alcanzado onte pola OMC que representa un avance neste senso.

Traslada que os lazos históricos que unen a Galicia con Cuba fan que “dende logo a Comunidade galega non se sente allea ao futuro da illa, nin hoxe nin nunca”.

Transmite ao presidente cubano e ás institucións da illa “que sexan sensibles aos problemas da colectividade e receptiva ás necesidades das sociedades que a representan.

Remata a súa visita a Cuba satisfeito por ter saldado unha materia pendente cos máis de 38.500 emigrantes galegos neste país.

O peso da emigración galega en Cuba será cada vez maior de acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o da República de Cuba, Raúl Castro, durante a  súa xuntanza de hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o da República de Cuba, Raúl Castro, durante a súa xuntanza de hoxe
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o da República de Cuba, Raúl Castro, durante a  súa xuntanza de hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o da República de Cuba, Raúl Castro, durante a súa xuntanza de hoxe
  • Na imaxe, a ofrenda floral no Panteón de Naturais de Galicia do cemiterio Colón da Habana ás e aos galegos falecidos en Cuba
    Na imaxe, a ofrenda floral no Panteón de Naturais de Galicia do cemiterio Colón da Habana ás e aos galegos falecidos en Cuba
  • Na imaxe, o presidente da Xunta de Galicia durante a súa visita ao Centro de Rehabilitación do Mal do Alzhéimer
    Na imaxe, o presidente da Xunta de Galicia durante a súa visita ao Centro de Rehabilitación do Mal do Alzhéimer
  • Na imaxe, o presidente da Xunta de Galicia durante a súa visita ao Centro de Rehabilitación do Mal do Alzhéimer
    Na imaxe, o presidente da Xunta de Galicia durante a súa visita ao Centro de Rehabilitación do Mal do Alzhéimer
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o percorrido co historiador Eusebio Leal pola Habana Vella
    O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o percorrido co historiador Eusebio Leal pola Habana Vella
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 7 de decembro de 2013.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe un encontro co presidente da República de Cuba, Raúl Castro, ao que lle transmitiu que “os case 40.000 galegos” que residen na illa son a principal razón pola que Galicia nunca se pechará a Cuba senón que, de xeito contrario, “Galicia se abre a Cuba e Cuba se abre a Galicia”.

Ao remate do encontro con Castro no que estivo presente o embaixador de España en Cuba, Francisco Montalbán, o presidente galego agradeceu a oportunidade de poder avaliar co máximo responsable do Goberno cubano o momento actual que atravesa este país e, tras amosar o seu respecto á idiosincrasia e á vontade de cada pobo, trasladou o seu convencemento de que “o risco non está nos cambios senón no inmobilismo”.

“O pobo cubano ten amosado a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos unha gran confianza en que o siga facendo no futuro”, asegurou. Neste senso, animou ás autoridades cubanas a continuar o proceso de actualización que teñen anunciado nos últimos anos, tal e como lle transmitiron distintos membros do Goberno cubano ao longo destes días.

Como exemplo disto, puxo o propio exemplo de España dende a Transición, tras a que –segundo resaltou— o pobo español ten vivido o maior desenvolvemento político, económico e social da súa historia. “Cun pobo cubano debuxando o seu mañá hai cada vez máis posibilidades” e amosouse partidario de estender a Cuba a tendencia internacional que tende a evitar os conflitos e atopar puntos de encontro. De feito subliñou que o acordo alcanzado onte pola OMC é un avance neste senso.

Ponte construída polos e polas emigrantes
Nesa liña, trasladou que os lazos históricos que unen a Galicia con Cuba fan que “dende logo a Comunidade galega non se sente allea ao futuro da illa, nin hoxe nin nunca”. Segundo subliñou, “entre Galicia e Cuba hai unha ponte invisible construída pola emigración” e tendeu a man ao pobo cubano a aproveitala.

Ese é, en palabras de Feijóo, o desexo dos miles de galegos e galegas que residen en Cuba, e cos e coas que tivo a oportunidade de atoparse en varias ocasións ao longo dos últimos días na que foi a súa primeira visita institucional a Cuba dende que fora elixido Presidente da Xunta.

“Era unha materia pendente visitar aos galegos de Cuba e síntome satisfeito de tela saldado”, dixo como conclusión, e engadiu que a situación das e dos emigrantes nese país ten sido o principal asunto que centrou as súas reunións tanto con Raúl Castro como co resto de membros do Goberno cubano cos que se atopou neste días.

“A miña petición principal ás autoridades de Cuba é que sexan sensibles aos problemas da colectividade e receptiva ás necesidades das sociedades que a representan”, resumiu, e amosouse convencido de que a unión das 38 sociedades galegas na Habana materializada esta semana servirá para que a súa voz se escoite con máis forza. De acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade, a cifra dos 38.500 galegos e galegas presentes en Cuba incrementarase no futuro facendo que o peso da emigración sexa cada vez maior.

Explorar vías económicas
A maiores, reiterou a aposta por que a política de internacionalización da economía galega tamén explore vías de colaboración económica en Cuba, de xeito que se dea continuidade á liña ascendente das relacións comerciais rexistrada nos últimos meses. De feito, o volume de exportacións galegas a Cuba no que vai de ano supón un incremento do 50 por cento respecto ao mesmo período de 2012.

“Teño apreciado interese e gañas de traballar xuntos en diferentes proxectos económicos. Os emprendedores que se desprazaron aquí así o constatan e están dispostos e dispostas a explorar posibilidades de negocio que sexan seguras”, explicou, tras comentar que “o pobo galego e cubano sempre se relacionaron independentemente dos momentos políticos de ambas sociedades e deben seguir buscando o que lles une e non o que lles separa”.

Precisamente como mostra da “especial relación” entre Galicia e Cuba, Feijóo realizou na mañá de hoxe sábado unha ofrenda floral en memoria das galegas e galegos falecidos en Cuba, que tivo lugar no Panteón de Naturais de Galicia do cemiterio Colón da Habana. Xa pola tarde, manterá un encontro co arcebispo de Santiago de Cuba e presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, monseñor Dionisio García Ibáñez, o último acto da súa visita a este país.

En imaxes
1070 lecturas