Feijóo viaxa a Cuba para encontrarse coa colectividade galega, afondar nos lazos históricos e culturais coa illa e procurar novas vías de proxección internacional da nosa economía

O presidente da Xunta desenvolverá na Habana unha axenda de actos centrada no reforzo do apoio e da atención ás e aos 38.500 residentes galegos e galegas en Cuba.

Presidirá a sinatura do acordo de unión entre 38 entidades galegas e cubanas, unión que representa a folla de ruta que a Xunta quere impulsar para garantir a supervivencia dos centros galegos no exterior.

Participará en diversos actos de carácter cultural, como a inauguración da mostra fotográfica ‘Nós’ sobre o feito migratorio galego, a presentación da coprodución galego-cubana de animación ‘Meñique’ ou o concerto do grupo Milladoiro.

Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 4 de decembro de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inicia mañá a súa primeira viaxe institucional a Cuba que ten como obxectivo primordial o seu encontro coa colectividade galega residente na illa e que servirá para reforzar o apoio e a atención ás máis de 38.500 persoas que a compoñen. Ademais, a visita do mandatario autonómico buscará afondar nos lazos históricos e culturais que existen entre Galicia e o país caribeño, así como procurar novas vías para a proxección internacional da nosa economía a través dalgúns dos seus sectores estratéxicos.

Feijóo desenvolverá unha axenda de actos na Habana, centrada, sobre todo, en encontros cos galegos e galegas residentes na illa, co fin de coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas, así como de transmitirlles a vontade do Goberno galego de darlle continuidade á defensa dos seus intereses sociais e asistenciais que vén practicando a Xunta.

Ademais de para reunirse cos presidentes e presidentas das entidades galegas na Habana e coas e cos coordinadores da galeguidade na illa, a viaxe do titular do Executivo autonómico servirá para afondar no fomento da colaboración entre as entidades galegas no exterior. Así, o presidente da Xunta asistirá á sinatura do acordo de unión entre 38 entidades galegas cubanas, unión que representa a folla de ruta que a Xunta quere impulsar para garantir a supervivencia dos centros galegos no exterior ante un mundo cada vez máis globalizado, e que se fixo efectivo coa unión das entidades galegas en Cataluña e se iniciou coa formalización dun acordo de unión en Alemaña. O mandatario autonómico tamén manterá un encontro coa colectividade galega e doutras comunidades residentes na Habana.

Proxección internacional da economía galega
O segundo eixe da axenda do presidente galego en Cuba será o fortalecemento das relacións comerciais e empresariais entre ambos os dous territorios. O obxectivo é o de buscar, estudar e mellorar as relacións económicas da comunidade galega con este país, co obxectivo de abrir novas oportunidades de exportación e posibilidades de investimento en sectores estratéxicos para Galicia.

Precisamente co fin de reforzar os intercambios comerciais e económicos, terá lugar un Foro Empresarial Cubano-Galego, no que se avanzará na colaboración entre cámaras de comercio e ao que tamén asistirá o presidente galego. Xunto con isto, celebrarase un almorzo de traballo coa Asociación de Empresarios Españois en Cuba para abordar as posibilidades económicas de Galicia na Habana.

De feito coincidindo coa visita do presidente da Xunta á illa,  tamén viaxa unha misión comercial desde Galicia a Cuba, representantes de empresas dos máis diversos sectores, como a xestión de residuos, a xestión de laboratorios e control de procesos industriais, as enerxías renovables, a tecnoloxía ambiental, o naval, o turismo, a automoción, a construción, o audiovisual ou o sector alimentario.

Actos culturais
Durante a viaxe do presidente da Xunta a Cuba tamén ocuparán un lugar destacado os actos de carácter máis cultural, que afondan nas relacións de afectividade e apego existentes entre o pobo galego e o pobo cubano.

Neste sentido, Feijóo presidirá a presentación de dúas publicacións de temática galego-cubana, que foron editadas recentemente: Galicia en Cuba, el asociacionismo gallego en Cuba, de Bruno Javier Machado, e Manuel Fraga, un gallego cubano, Fidel Castro, un cubano gallego, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes.

De igual xeito, presenciará a proxección da longametraxe de animación Meñique, coproducida por estudos de animación cubanos e galegos; inaugurará a exposición fotográfica Nós, organizada polo Consello da Cultura Galega e pola Secretaría Xeral da Emigración que versa sobre o feito migratorio galego nos séculos XIX e XX; e asistirá ao concerto que o grupo Milladoiro ofrecerá no Teatro Nacional de Cuba.

O presidente desenvolverá, pois, na súa viaxe a Cuba unha axenda intensa e cargada de actos económicos e de encontros centrados na colectividade, na que tamén atenderá os posibles requirimentos que poidan xurdir por parte das autoridades cubanas. Trátase da primeira viaxe institucional a Cuba desde que Alberto Núñez Feijóo foi elixido presidente da Xunta, que dará continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia en Cuba, que iniciara en 1991 o ex-presidente da Xunta Manuel Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a ese país, e que continuou o ex-presidente Emilio Pérez Touriño cunha viaxe á Illa en decembro de 2007.

1119 lecturas