Feijóo anima ás e aos emprendedores galegos a explorar vías de investimento en Cuba e alcanzar un fluxo económico que prolongue os intensos vínculos humanos que xa existen entre os dous territorios
O titular da Xunta inaugurou na Habana o Foro empresarial Cubano-Galego.
Afirma que España en xeral e Galicia en particular están pendentes dos desafíos que os novos tempos lle plantexan a Cuba e expresa o seu desexo de que o futuro que lle agarda non é sombrío senón venturoso.
Destaca os eidos nos que a colaboración pode ser beneficiosa para ambos os dous países, como: o sector agroalimentario, as enerxías renovables, a pesca, a construción naval, a transferencia de coñecemento, a biotecnoloxía, a investigación médica, a enerxía e a industria agroalimentaria.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ás e aos emprendedores galegos a explorar vías de investimento en Cuba e alcanzar un fluxo económico que prolongue os intensos vínculos humanos que xa existen entre os dous territorios.
Durante a apertura do Foro empresarial Cubano-Galego na Habana, Feijóo subliñou que nin as exportacións galegas a Cuba nin as exportacións cubanas a Galicia reflicten a intensidade dese trato familiar que se dá entre os dous pobos e, diante deste panorama, avogou por non caer no conformismo e seguir profundando nas posibilidades económicas que poidan existir.
“Quero que os galegos que residen neste país nos sintan cerca, quero prestarlles toda a nosa axuda para facer das súas entidades representativas unha realidade unida e vigorosa. E desexo, tamén, que os cubanos saiban que España en xeral e Galicia en particular están pendentes dos desafíos que os novos tempos lle plantexan a Cuba. Alá obsérvase con avidez o acontecer cubano, e tense unha confianza plena no seu pobo”, aseverou, logo de expresar a seu desexo de que o futuro que lle agarda a Cuba non é sombrío senón venturoso.
Nesta liña, afirmou que Galicia quere facer a súa contribución a ese futuro e parafraseou ao primeiro presidente da democracia española Adolfo Súarez para apostar por facer normal no económico, o que é normal na relación humana.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse aos eidos nos que a colaboración pode ser beneficiosa para ambos os dous países, entre os que destacou o sector agroalimentario, as enerxías renovables, a pesca, a construción naval, a transferencia de coñecemento, a biotecnoloxía, a investigación médica, a enerxía e a industria agroalimentaria.
Feijóo afirmou que en todos estes sectores atópanse oportunidades de cara ao futuro; oportunidades que animou a explorar ás e aos asistentes a este foro cubano-galego, e a concretar a través de instrumentos de colaboración estables como o protocolo que asinaron esta mañá as cámaras de comercio de Cuba e Santiago.
O titular da Xunta salientou que a Comunidade galega se transformou nestes anos nunha economía aberta, habituada a competir no mundo e apta para o investimento estranxeiro; e conta con importantes multinacionais nos sectores téxtil e alimentario e cun tupido tecido de pequenas e medianas empresas desexosas de saír ao exterior.
Nesta liña, lembrou que cada ano a economía galega se internacionaliza máis e o volume das súas exportacións creceu máis dun 10% no que vai de ano e supuxeron o 37% do produto interior bruto galego, “o que nos sitúa a só catro puntos de Alemaña”.
O responsable autonómico concluíu lembrando a figura de Manuel Fraga, quen entendeu algo esencial nesta relación entre ambos os dous pobos: entre as e os galegos e as e os cubanos, máis que unha relación intergubernamental, existe unha relación humana. E expresou o seu compromiso de continuar o camiño iniciado e de fortalecelo nesta viaxe.
Primeira xornada do presidente da Xunta en Cuba
O Foro empresarial Cubano-Galego foi o primeiro acto da viaxe institucional do presidente da Xunta a Cuba.
Ao longo do día de hoxe, Alberto Núñez Feijóo reunirase, tamén, co ministro de Comercio Exterior e do Investimento Estranxeiro da República de Cuba, Rodrigo Malmierca Díaz. E, no ámbito da galeguidade, manterá un encontro coas e cos presidentes das entidades galegas na Habana e coas coordinadoras e coordinadores da galeguidade nas provincias de Cuba, e, a continuación presidirá a sinatura do acordo de unión entre 38 asociacións galegas da Habana.
Así mesmo, o titular da Executivo autonómico participará no acto de presentación de publicacións editadas en 2013 sobre temática galego-cubana.
Novas relacionadas