Feijóo avoga por crear un ‘lobby’ galego-panameño e pídelle ao empresariado galego no país centroamericano que teñan en conta a competitiva oferta de produtos da comunidade en moitos sectores

O presidente da Xunta participou hoxe no encontro empresarial "España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización".

Lembra que no último ano as exportacións da nosa autonomía a Panamá medraron nun 13% e subiron un 14% as empresas que, por primeira vez, tiveron unha exportación concreta a esa nación.

Aplaude a recente posta en marcha da Asociación de Empresarios Galegos en Panamá, e asegura que desde 2009 o Goberno galego fixo un gran esforzo por internacionalizar a economía galega cuxas exportacións, desde ese ano, creceron un 35%.

Asegura que, en Panamá, Galicia ten posibilidades “que se abren xa e que xa están abertas”, vinculadas á ampliación do Canal; e, ao respecto, avoga por empregar a potencialidade dos cinco portos galegos de interese xeral, “porque a duplicación da capacidade do canal pódenos dar unha gran capacidade de ser receptores e un hub internacional entre os dous continentes”, sinala.

O titular da Xunta mantivo este martes un encontro coa colectividade de Panamá, á que reclamou apoio para dar un novo impulso á galeguidade.

Feijóo completará a axenda deste martes en Panamá cunha visita á mostra "Alfabeto Delfín", do artista galego Antón Lamazares, que está exposta desde o mes de outubro no Centro Cultural de España-Casa do Soldado.

  • O presidente da Xunta participou hoxe no encontro empresarial 'España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización'
    O presidente da Xunta participou hoxe no encontro empresarial "España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización"
  • O presidente da Xunta participou hoxe no encontro empresarial 'España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización'
    O presidente da Xunta participou hoxe no encontro empresarial "España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización"
  • Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
    Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
  • Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
    Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
  • Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
    Imaxe do encontro que o presidente da Xunta mantivo cun grupo de representantes da colectividade galega afincada en Panamá na Sociedade Española de Beneficencia
Listen to this page using ReadSpeaker
Panamá, 18 de marzo de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarouse hoxe partidario da existencia dun “lobby” galego-panameño que actúe a favor da internacionalización da nosa economía no país centroamericano e reclamoulles ás e aos empresarios galegos alí afincados que teñan en conta a oferta competitiva de produtos da comunidade en moitos sectores. “Gustaríame que, da mesma maneira que vostedes están traendo os seus produtos, as súas manufacturas, de calquera lugar de Asia ou de calquera lugar de Norteamérica, pensen que en Galicia estamos a facer moitas cousas”, resaltou o mandatario autonómico.

Durante o encontro empresarial "España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización", o titular do Executivo autonómico expresou o compromiso da Xunta de seguir acompañando ás empresarias e aos empresarios galegos que queiran investir nese Estado, e pediulles ao empresariado galego radicado alí que “lle dean oportunidades aos galegos”. “Teño que pedirlles que vostedes teñan en conta nas súas decisións económicas, a posibilidade de pedir a oferta aos seus colegas que están a traballar en calquera lugar de Galicia”, salientou.

O presidente autonómico lembrou que Galicia e Panamá xa incrementaron as súas relacións comerciais no último ano, cando as exportacións da nosa autonomía ao país americano medraron nun 13% e subiron, ao mesmo tempo, un 14% as empresas que por primeira vez tiveron unha exportación concreta a esa nación.

O mandatario galego aplaudiu a recente posta en marcha da Asociación de Empresarios Galegos en Panamá, “unha decisión intelixente, -dixo-, que o Goberno galego quere saudar e quere agradecer”. Feijóo recoñeceu que “os galegos sentímonos orgullosos do que somos e temos unha enorme ambición por ser mellores”, polo que avogou por “non perder este século de presenza en Panamá” e por poñer a “enorme potencialidade económica de Galicia” á disposición deste país.

Nesta liña, asegurou que, en Panamá, Galicia ten posibilidades “que se abren xa e que xa están abertas”, vinculadas á ampliación do Canal. “Para Panamá é unha enorme posibilidade económica que pode modificar substancialmente aínda máis este país, pero nós somos o porto de entrada en Europa” con cinco portos de interese xeral, manifestou. Alegou, ao respecto, que Vigo “é o primeiro porto pesqueiro de Europa”, xunto co da Coruña, destinado a graneis e líquidos; o de Marín (Pontevedra), un porto de mercancías abrigado; ou o de Ferrol, para tráfico de contenedores e cunha actividade naval importante.

“Temos, en consecuencia, que poñer a disposición os nosos portos e tentar chegar a acordos, tentar chegar a joint ventures, no que a mercancías se refire, entre América e Europa”, aseverou. “Imos traballalo porque a duplicación da capacidade do canal pódenos dar unha gran capacidade de ser receptores e un hub internacional entre os dous continentes”, precisou.

Xunto con isto Feijóo subliñou que Galicia e Panamá teñen a posibilidade de colaborar noutros sectores e puxo o acento na calidade dos produtos que se realizan na Comunidade autónoma en eidos como o téxtil, o agroalimentario, o vitivinícola, ou, como demostra a alianza estratéxica con Pemex, o da industrial naval. Ademais, resaltou o carácter estratéxico que en Galicia teñen terreos como o forestal, o turismo, a xestión de servizos ou as novas tecnoloxías.

O presidente da Xunta asegurou que, desde o ano 2009, o Goberno galego fixo un gran esforzo para internacionalizar a nosa economía, e que o vai seguir facendo durante os anos 2014, 2015 e 2016. Así apuntou que entre o ano 2009 e hoxe se incrementaron as exportacións galegas un 35%. “Se non abrisemos os nosos obxectivos á exportación, hoxe Galicia estaría nunha profunda crise económica”, pero “non nos conformamos con isto, ao contrario, iso anímamos a proseguir e a insistir nese obxectivo”.

O mandatario autonómico referiuse tamén á publicación, hoxe mesmo, do informe do servizo de estudos do BBVA que apunta que a economía galega crecerá en 2014 por riba da economía española, e, a ese respecto, indicou que a economía galega xa se vén comportando mellor nos últimos anos que a o do conxunto do país. Así, salientou que a comunidade rexistra 5 puntos menos de paro que a media de España, que foi das poucas autonomías que cumpriu cos obxectivos de déficit durante todos os anos e que posúe unha débeda pública 3,6% inferior á da media das comunidades.

Encontro coa colectividade galega de Panamá
Na tarde deste martes, o presidente da Xunta tamén mantivo un encontro coa colectividade galega de Panamá, conformada actualmente por máis de 3.100 persoas, das cales tan só 700 son orixinariamente galegas. A maioría dos galegos e as galegas residentes neste país proceden, fundamentalmente, da provincia de Ourense, e máis concretamente, da comarca do Carballiño e, en particular, do concello de Boborás.

Na súa intervención, o presidente da Xunta pediulle á colectividade galega de Panamá o seu apoio para dar un novo impulso de galeguidade, en forma de proxección exterior do tecido produtivo galego e de busca de novas oportunidades para a economía de Galicia.

Exposición Alfabeto Delfín de Antón Lamazares
A axenda deste martes do presidente da Xunta en Panamá concluirá cunha visita á mostra Alfabeto Delfín, do artista galego Antón Lamazares, que está exposta desde o mes de outubro no Centro Cultural de España-Casa do Soldado. Unha exposición que contribúe a reforzar os lazos afectivos existentes entre Galicia e Panamá e que incide na integración cultural entre ambos os dous territorios.

Trátase dunha mostra composta por 19 pezas, comisariada polo arquitecto Manuel Blanco. Un conxunto de poemas pintados, sobre madeira e cartón, co particular alfabeto creado por Lamazares, un alfabeto chamado Delfín, na memoria do seu pai. Nela, o artista de Maceira ofrece una tela multicolor na que cincela textos poéticos escritos no seu propio abecedario, nun alfabeto encriptado que, ao descifralo, lle permite ao espectador e á espectadora mergullarse no seu mundo máis íntimo. Son poemas referidos á súa propia experiencia vital e ao seu universo persoal; imaxes que reflicten o poso do vivido e evocan a Galicia rural da que provén.

894 lecturas