Feijóo procurará unha maior internacionalización da economía galega na viaxe que inicia esta semana e que inclúe a inauguración da Plataforma de Exportación Galega en México ou a visita ao canal de Panamá

O presidente da Xunta manterá distintos encontros empresariais entre o 22 e o 24 de setembro.

Nos distintos actos tamén participará o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o presidente de Novacaixagalicia Banco, José María Castellano, ou o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla.

Esta viaxe forma parte da estratexia da Xunta de reforzar a presenza das empresas galegas no exterior, así como de atraer investimentos cara a Galicia.

Feijóo tamén aproveitará a súa viaxe para visitar á colectividade galega e manter entrevistas institucionais con autoridades mexicanas e panameñas.

Listen to this page using ReadSpeaker
19 de setembro de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciará este xoves, 22 de setembro, unha viaxe oficial a Panamá e México co obxectivo principal de lograr unha maior internacionalización da economía galega. O mandatario autonómico desprazarase a Centroamérica entre o 22 e o 24 de setembro, acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na procura de reforzar a presenza das empresas galegas no exterior e atraer novos investimentos para a comunidade. Entre outros actos, Feijóo inaugurará un Foro Empresarial Galicia-Panamá no que participarán empresarios galegos e panameños, realizará unha visita ao Canal de Panamá e presidirá a inauguración da Plataforma Empresarial para a Exportación Galega en Mexico.

Así, a viaxe institucional do titular da Xunta comezará o xoves en Panamá, onde manterá un encontro con empresarios galegos neste país, e inaugurará o Foro Empresarial Galicia-Panamá, que estará centrado na identificación de oportunidades de negocio e investimento. Así mesmo, visitará o Canal de Panamá e manterá un encontro co seu administrador, Alberto Alemán.

As citas empresariais terán continuidade no primeiro día de estancia do presidente da Xunta en México, o venres 23, cunha reunión coa Unión Mexicana de Empresarios Galegos (UMEGAL), e cun encontro empresarial organizado por Novacaixagalicia Banco no que intervirá, ademais do mandatario autonómico, o presidente da entidade financeira, José María Castellano.

Feijóo presidirá, ao día seguinte, o sábado día 24, a inauguración da Plataforma Empresarial de Exportación Galega (PEXGA), no que será o acto central do último día da súa viaxe en terras mexicanas, e no que participarán, entre outros, Javier Guerra e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla.

Aínda que o obxectivo primordial da viaxe é afondar na internacionalización da economía galega, o titular da Xunta tamén aproveitará a súa estancia en Centroamérica para manter encontros institucionais coas autoridades panameñas e mexicanas, e para reunirse coa colectividade galega e os seus e as súas representantes en ambos países.

1050 lecturas