O presidente da Xunta pon en valor en Panamá ás empresas galegas, “que son fiables, que cumpren os seus contratos e que están acostumadas a competir”

Feijóo inaugura cos ministros de Vivenda e de Obras Públicas de Panamá un foro que estudará “posibilidades de negocio” entre Galicia e o país centroamericano.

Destaca a capacidade das empresas da comunidade ante a posibilidade de desenvolver obras que se están a poñer en marcha en Panamá.

Presenta a Galicia como un lugar apto para investir e agradece a disposición das autoridades panameñas a buscar vías de cooperación.

Salienta que hoxe Galicia desprega unha estratexia de internacionalización de forma coordinada.

Lembra o prestixio de empresas como Pescanova, unha das dez primeiras da industria pesqueira mundial, ou Coren, a primeira empresa en produción de polo en Europa.

Considera un obxectivo prioritario converter os portos galegos en porta de entrada das novas rutas marítimas que se abrirán coa ampliación do Canal de Panamá.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de setembro de 2011.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor, onte en Panamá, ás empresas galegas que, dixo, “son fiables, cumpren cos seus contratos e están acostumadas a competir”. Así o subliñou na inauguración dun foro que estudará as posibilidades de negocio entre Galicia e Panamá e no que participaron, entre outros, o ministro de Vivenda do país centroamericano, José Domingo Arias; o ministro de Obras Públicas; Federico José Suárez; e o embaixador de España en Panamá, Jesús Silva.

Feijóo salientou as “enormes expectativas económicas” que ten a comunidade galega no país centroamericano, para conquistar novos mercados e atraer novos investimentos cara a comunidade, e destacou a capacidade das empresas galegas ante a posibilidade de desenvolver obras que se están a poñer en marcha en Panamá. Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou a importancia que teñen as infraestruturas, as obras públicas e a vivenda desde o punto de vista da competitividade dun país e da ordenación racional do territorio.

“Hoxe Galicia desprega unha estratexia de internacionalización de forma coordinada”, indicou Feijóo, remarcando, ao mesmo tempo, que a nosa comunidade tamén “ofrece condicións excepcionais aos emprendedores que busquen territorios aptos para investir”.

O prestixio de empresas galegas e o aproveitamento do sistema portuario galego
Na súa intervención, o mandatario autonómico lembrou o prestixio das empresas galegas, que souberon facerse un oco nos mercados nacionais e internacionais e puxo como exemplo desta internacionalización das empresas da comunidade a Pescanova, un dos primeiros dez grupos da industria pesqueira mundial, ou a Coren, a primeira empresa en produción de polo en Europa.

Por último, Feijóo, consciente da importancia loxística do sistema portuario galego, considerou como un obxectivo prioritario da súa viaxe converter aos portos da comunidade en porta de entrada das novas rutas marítimas que se abrirán coa ampliación do Canal de Panamá.

Antes de inaugurar este foro que estudará as posibilidades de negocio entre Galicia e o país centroamericano, o presidente da Xunta mantivo un almorzo cun centenar de empresarios galegos que lle expresaron as súas inquedanzas e aos que o mandatario autonómico lles explicou as políticas en materia económica e de potenciación da internacionalización das empresas galegas que está a desenvolver a Xunta.

Guerra. Panamá destino para as empresas galegas
Pola súa banda o conselleiro de Economía e Industria salientou, no acto de clausura do Foro de Empresas Galegas en Panamá, o compromiso do Goberno galego coa atracción de novos investimentos e a xeración de emprego. "Por iso -afirmou Guerra- nos sentimos obrigados a pór ao alcance do empresario novos negocios e alianzas en mercados á alza, como o latinoamericano, e en concreto, o panameño". Ademais fixo referencia á relevancia de Panamá coma un "dos grandes destinos para as empresas galegas" e á súa vez destacou que "Galicia preséntase para este país como un gran mercado no que focalizar investimentos".

Javier Guerra incidiu en que a presenza de empresarios galegos ou de orixe galega neste mercado "servirá como catalizador para que frutifiquen novos negocios e alianzas que contribúan ao crecemento da economía de Galicia" .Fixo tamén fincapé Guerra nos programas da Xunta, como FOEXGA, destinados ao fomento das exportacións de Galicia. "Confiamos en que este Foro de Empresas Galegas en Panamá sirva como punto de inflexión para establecer lazos sólidos, negocios prósperos e alianzas produtivas e duradeiras entre empresas e empresarios galegos", afirmou o conselleiro.

998 lecturas