Feijóo avala ante o presidente de Uruguai o potencial das empresas galegas e a súa capacidade competitiva en mercados internacionais, e reivindica a fiabilidade que ofrece Galicia como territorio para investir

O titular da Xunta asistiu este mediodía ao xantar que a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ofreceu ao presidente uruguaio.

“A Marca Galicia é unha marca que se basea no esforzo, na honradez das súas xentes e no compromiso coa palabra dada. Somos xente que nos gusta traballar e cumprir cos nosos compromisos”, salienta.

Incide en que Galicia é unha comunidade autónoma fiable e solvente, que conta con solo industrial e empresas, amais dunha xestión eficiente dos recursos públicos.

Destaca que actualmente xa están asentadas en Uruguai preto de medio centenar de empresas galegas e que, un total de 46, exporta habitualmente a este país suramericano.

Asegura que Galicia “está en marcha” en relación aos seus obxectivos de internacionalización con dous plantexamentos: atraer investimentos dos países de América cara a Galicia; e consolidar as nosas empresas máis alá do océano.

  • O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
    O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
  • O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
    O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
  • O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
    O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a CEG ofreceu ao presidente uruguaio. Foto: Xoán Crespo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe ante o presidente de Uruguai, José Mujica, o potencial das empresas galegas e a súa capacidade competitiva en mercados internacionais, e reivindicou a fiabilidade e confianza que achega a nosa comunidade como territorio para investir. “Somos a mellor marca que podemos ofrecer. A Marca Galicia é unha marca que se basea no esforzo, na honradez das súas xentes e no compromiso coa palabra dada. Somos xente que nos gusta traballar e cumprir cos nosos compromisos”, enfatizou Feijóo.

O mandatario galego asistiu este mediodía ao xantar que a Confederación de Empresarios de Galicia ofreceu ao presidente uruguaio, ao que emprazou a reforzar a alianza entre ambos os dous territorios e seguir así polo camiño da colaboración. E, neste sentido, apuntou que ese é precisamente o obxectivo do convenio asinado onte entre o Igape e o seu equivalente no país uruguaio, o Instituto Uruguai XXI. “Somos conscientes de que os nosos pobos teñen moito que aportar e por iso esa alianza que constituímos desde a emigración ten que ir modulando e evolucionando cara a unha alianza económica permanente e próspera”, engadiu.

O titular da Xunta incidiu en que Galicia é unha comunidade autónoma fiable e solvente como proba o feito de que multinacionais como PSA-Citroën volvan apostar, en plena crise económica, pola nosa terra para fabricar máis coches e exportar desde Galicia a África e Asia; ou que empresas como Pemex aposten polo sector naval galego.

“Estamos a disposición de seguir investindo e de seguir traballando”, asegurou o presidente da Xunta, logo de destacar que Galicia conta con solo industrial e empresas, amais dunha xestión eficiente dos recursos públicos. E, nesta liña, lembrou que: o déficit público da comunidade galega é do 1,2% a pesar de que o déficit público da economía española supera o 7%; Galicia é a segunda comunidade de España onde menos baixou o PIB o pasado ano; e nos primeiros meses do ano 2013, mentres España sigue crecendo as súas exportacións nun 5%, Galicia o está a facer nun 8%.

Así mesmo, Feijóo recordou que a comunidade galega conta con cinco grandes portos que a sitúan nun enclave estratéxico entre América e Europa e subliñou que Uruguai é un pais cunhas excelentes condicións de vento; con oportunidades na construción de buques; “e queremos tamén traballar, asesorar e participar nese gran proxecto dun porto de augas profundas e no ámbito do tratamento de residuos sólidos”.

No tocante ao naval, Feijóo afirmou que Galicia conta con “fundadas esperanzas”, a través do grupo galego Galictio, xa que nas próximas semanas Uruguai decidirá contratos navais por un importe superior a 50 millóns de dólares.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta puxo de relevo que actualmente xa están asentadas en Uruguai preto de medio centenar de empresas galegas e que, un total de 46, exporta habitualmente a este país suramericano. “Uruguai é o noso quinto destino de exportacións en Latinoamérica”, destacou, despois de facer fincapé nas oportunidades económicas do país en sectores como o naval e o enerxético, no eido das tecnoloxías da comunicación, na construción, nas infraestruturas e no sector forestal.

“Estamos a falar dun país que crece e dun país saneado; dunha economía que vén crecendo máis dun 5% anual nos últimos anos e dun país saneado cunha porcentaxe de déficit público do 2,7%”, precisou, a modo de resumo.

Diante destas cifras, o presidente do Executivo galego concluíu incidindo en que Galicia “está en marcha” en relación aos seus obxectivos de internacionalización con dous plantexamentos: atraer investimentos dos países de América cara a Galicia; e consolidar as nosas empresas máis alá do océano. “Hai tres factores que están influíndo na política económica de Galicia: a globalización; a crise económica que está padecendo a Unión Europea; e a especial crise que padece o sur de Europa. E isto anímanos a retomar a vella idea das nosas relacións co Atlántico; a vella ruta do Atlántico para insistir non só nos nosos lazos culturais e históricos senón, tamén, para incrementar os nosos lazos económicos”.

967 lecturas