Feijóo apela ao ‘espírito de Angrois’ para subliñar que só desde a cooperación e a unidade, e rexeitando individualismos, poderemos emprender máis fortalecidos o camiño da recuperación
O presidente da Xunta asistiu hoxe en Cádiz ao acto de entrega da Medalla da Cidade de San Fernando aos veciños e veciñas do barrio compostelán de Angrois, como recoñecemento ao seu labor tras o accidente de tren en Santiago no que faleceron cinco persoas orixinarias deste municipio e resultaron feridas outras dúas.
Asegura que, a pesar de que “o dano é aínda recente e a ferida perdurará”, a traxedia acaecida en Santiago “déixanos un lugar para reflexionar sobre a importancia do traballo conxunto”.
“Galicia proxectou ao mundo o verdadeiro valor da solidariedade como esa enerxía que nos axuda a resistir nos momentos máis aciagos, e amosou a imaxe dun pobo unido que se fai forte na unidade”, recoñece.
Salienta que a medalla entregada ao veciños e veciñas de Angrois “non só sela o perdurable vínculo que uniu no recordo a Santiago e San Fernando; senón que simboliza o valor do apoio recíproco entre territorios”. “Santiago de Compostela e San Fernando de Cádiz son hoxe dúas cidades unidas polos lazos da solidariedade”, subliña.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao ‘espírito de Angrois’ para subliñar que “só desde a unidade e a cooperación, e rexeitando individualismos, poderemos superar as peores dificultades e emprender máis fortalecidos o camiño da recuperación”. Así o manifestou no acto de entrega da Medalla da Cidade de San Fernando (Cádiz) aos veciños e veciñas do barrio compostelán de Angrois, que esta localidade lles brinda como recoñecemento á súa labor tras o accidente de tren rexistrado en Santiago o pasado 24 de xullo, no que faleceron cinco persoas orixinarias deste municipio e resultaron feridas outras dúas.
O mandatario galego asegurou que, a pesar de que “o dano é aínda recente e a ferida perdurará”, a traxedia acaecida en Santiago “déixanos un lugar para reflexionar sobre a importancia do traballo conxunto”. “Galicia proxectou ao mundo o verdadeiro valor da solidariedade como esa enerxía que nos axuda a resistir nos momentos máis aciagos, e amosou a imaxe dun pobo unido que se fai forte na unidade”, recoñeceu.
Feijóo considerou que, “desde a unidade, Galicia coñeceu os efectos reparadores da axuda mutua ante unha das traxedias máis duras que temos vivido; e, nesa unidade, atopou o consolo que brindar a todos aqueles a quen ese tren arrebatou a esperanza”, enfatizou. Ese impulso solidario, proseguiu, “foi a forza para que, xuntos, puidésemos facer fronte á angustia da vulnerabilidade e a incerteza que trouxeron consigo as horas seguintes ao accidente que tamén aquí, en San Fernando, se fixeron sentir”.
Na súa intervención, Feijóo asegurou que a medalla entregada ao veciños e veciñas de Angrois “non só sela o perdurable vínculo que uniu no recordo a Santiago e San Fernando; senón que simboliza o valor do apoio recíproco entre territorios”. Así mesmo, instou a dedicar este acto de homenaxe á lembranza das e dos falecidos e como consolo ás súas familias. “Santiago de Compostela e San Fernando de Cádiz son hoxe dúas cidades unidas polos lazos da solidariedade”, concluíu.
Novas relacionadas



