Feijóo defende a igualdade e a solidariedade como “as ferramentas máis útiles para articular a pluralidade de rexións e nacionalidades” do conxunto español

O presidente da Xunta inaugurou en Sevilla o V Encontro de Casa Rexionais e Provinciais, que nesta edición ten Galicia como Autonomía homenaxeada.

Salienta como “irrenunciable” a concepción de España como espazo “de xustiza e equilibrio” e avoga por que calquera reforma que se faga na “casa común” teña como bases “a igualdade e a solidariedade que nos definen”.

Incide na importancia do papel das casas rexionais e provinciais, ao terse revelado como a “fórmula perfecta” para enlazar o apego á orixe coa vinculación aos axentes políticos, económicos e sociais do lugar de destino.

Remarca que souberon conxugar “á perfección a solidariedade co paisano e a exaltación da cultura propia coa inmersión plena no novo escenario vital” evidenciando que “non existe contradición algunha entre conservar a identidade propia e abrir esta ao contorno”.

Feijóo defende a igualdade e a solidariedade como “as ferramentas máis útiles para articular a pluralidade de rexións e nacional
Feijóo defende a igualdade e a solidariedade como “as ferramentas máis útiles para articular a pluralidade de rexións e nacional
Listen to this page using ReadSpeaker
Sevilla, 11 de outubro de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe os principios de igualdade e de solidariedade como “as ferramentas máis útiles para articular a pluralidade de rexións e nacionalidades” do conxunto español. Así o sinalou durante a inauguración do V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais que se celebra en Sevilla e que nesta edición ten Galicia como Autonomía homenaxeada.

Na súa intervención, o mandatario autonómico referiuse a que quizais o paso do tempo faga necesario “abrir espazos de diálogo” para debater propostas que permitan afrontar “con maior fortaleza” os desafíos presentes e futuros desta “casa común” que é España. Propostas todas elas, dixo, “que deben elevarse sobre os sólidos cimentos da igualdade e a solidariedade que nos definen como nación”.

Feijóo lembrou que a experiencia de 35 anos de democracia converte en “irrenunciable” a concepción de España como un espazo “de xustiza e equilibrio”. “Sabemos que fundir esforzos, ideas e esperanzas é sempre máis proveitoso que o illamento para encarar calquera vicisitude”, afirmou.

Importancia das casas rexionais e provinciais
“De todo isto –argumentou-, poderían falar longamente os membros das casas rexionais e provinciais representadas nesta mostra porque elas fixeron da solidariedade o principal motor da súa existencia”.

O presidente da Xunta incidiu na importancia do papel que desempeñan as casas rexionais e provinciais, ao terse revelado como a “fórmula perfecta” para enlazar o apego á orixe coa vinculación aos axentes políticos, económicos e sociais do lugar do destino. “Conxugaron á perfección a solidariedade co paisano e a exaltación da cultura propia coa inmersión plena no novo escenario vital” e, deste modo, evidenciaron que “non existe contradición algunha entre conservar a identidade propia e abrir esta ao contorno”.

“En calquera das rexións nas que se asentaron, os emigrantes españois alcanzaron ese equilibrio sen conflitos”; lográrono “coa forza da súa vontade”, pero tamén, “coa xenerosidade de todos os territorios que os acolleron como a iguais, que lles brindaron canles de integración tolerantes e respectuosas, invitándoos a sumarse e a contribuír ao funcionamento da súa comunidade”, concluíu.

Imposición Anduriña de Ouro
O presidente da Xunta participou, tamén, no acto institucional de entrega da Anduriña de Ouro do Lar Gallego de Sevilla ao alcalde da cidade, Juan Ignacio Zoido, onde resaltou o carácter cosmopolita dos galegos e as galegas, aspecto que os ten levado a desafiar lindes e a “acumular culturas e patrias”, creando unha perfecta amalgama coas xentes e lugares de acollida.

Feijóo agradeceulle ao Lar Gallego de Sevilla a hospitalidade e a calorosa acollida que lle brindou na súa casa.

A Juan Ignacio Zoido –a quen felicitou pola distinción coa que foi condecorado hoxe- cualificouno como servidor público exemplar e púxoo como exemplo de persoa feita a si mesma, dun home educado nos valores do sacrificio e do esforzo.

1220 lecturas