Feijóo apela á unidade das forzas políticas “para saír adiante antes e con máis forza”

Durante a Mensaxe de Fin de Ano 2012, dende a Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón.

Asegura que esa unidade é demandada pola cidadanía e afirma que ao igual que nos anticipamos na eficiencia, na disciplina orzamentaria ou na planificación, tamén podemos facer de Galicia un paradigma de unidade política.

Nun ano difícil para moitos galegos e galegas, reitera o compromiso da Xunta coas persoas desempregadas e asegura que están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno galego adopta.

Recorda que a galeguidade “non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade”.

Resalta que as galegas e os galegos somos respectados e queridos, e por iso non resulta ilusoria a idea dunha Galicia global, “que faga posible que nós esteamos no mundo e que o mundo estea en nós”.

Desde a casa museo de Rosalía de Castro, lembra que o ano próximo cumprirase o cento cincuenta aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’ e tamén medio século da instauración do Día das Letras Galegas.

Sostén que as "negras sombras" do noso presente teñen enfronte á sociedade galega que, unida polos vencellos da concertación, a cooperación e o entendemento, é perfectamente capaz de saír adiante; “porque, por riba de todas as dificultades, está a forza da nosa xente”.

Subliña que todos e todas, as e os máis maiores e os máis novos e as máis novas, “todos son Galicia” e “danlle ao noso país unha enerxía que fará do 2013 un tempo para empezar a rexurdir”.

O presidente da Xunta durante a súa Mensaxe de Fin de Ano. Foto: Conchi Paz.
O presidente da Xunta durante a súa Mensaxe de Fin de Ano. Foto: Conchi Paz.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este luns 31 de decembro, na mensaxe de Fin de Ano, á unidade das forzas políticas “para saír adiante antes e con máis forza”. “Hoxe, todos podemos defender Galicia, cadaquén desde as súas responsabilidades. O meu compromiso é defender Galicia desde o Goberno galego. E a miña esperanza é poder facelo cada vez con máis achegas, cada vez con máis colaboración, do resto das forzas políticas e especialmente do principal partido da oposición”, aseverou.

Feijóo asegurou que esa unidade é demandada polos cidadáns e as cidadás e convidou a que o novo ano 2013 permita alcanzala, e que Galicia poida seguir sendo un modelo neste eido, como xa o é a día de hoxe noutros ámbitos. “Igual que nos anticipamos en decisións fundamentais para o futuro como a eficiencia, a disciplina orzamentaria ou a planificación, por qué non facer de Galicia tamén un paradigma de unidade política”.

Nun ano difícil para moitos galegos e galegas, o responsable autonómico reiterou o compromiso da Xunta coas persoas desempregadas. “Quero que saiban que están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno galego adopta. Xunto a eles libramos unha loita na que contamos coa solidariedade dos que afortunadamente temos traballo nestes tempos difíciles. Máis cedo que tarde, entre todos, lograremos cambiar a situación”.

O presidente do Executivo galego afirmou que tanto no exterior coma no interior, a nosa forma de ser impúlsanos cara a tarefas conxuntas: “Cara fóra, Galicia é unha comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo, que camiña a carón de España e Europa. E cara dentro, Galicia forma unha gran familia unida polos problemas e polas solucións. A galeguidade –dixo- non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade”.

Feijóo deu fe do prestixio que iso supón cando Galicia se fai presente no exterior. “Visto con ollos alleos, o noso país mestura tradición e modernidade. Somos o emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe, co compromiso coa súa terra de adopción. Somos a gran empresa e a multinacional que innova, que compite, que é fiable. Somos o pobo que ten logrado manter e mellorar os seus servizos públicos, malia a incerteza xeneralizada na nación española. Somos o equipo que, en distintos lugares e disciplinas, ten logrado grandes éxitos deportivos neste ano que remata. Somos respectados e queridos, e por iso non resulta ilusoria a idea dunha Galicia global, que faga posible que nós esteamos no mundo e que o mundo estea en nós”.

Desde a Casa Museo de Rosalía de Castro, o titular da Xunta quixo lembrar que o ano próximo cumprirase o cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares Gallegos e tamén medio século da instauración do Día das Letras Galegas. E asegurou que a Galicia que a escritora e tantos e tantas coma ela soñaron, estámola facendo hoxe.

“As negras sombras do noso presente teñen enfronte á sociedade galega que, unida polos vencellos da concertación, a cooperación e o entendemento, é perfectamente capaz de saír adiante. Porque, por riba de todas as dificultades, está a forza da nosa xente”, sentenciou.

Deste xeito, Feijóo concluíu salientando que as e os máis maiores, que lembrarán os tempos duros do pasado nos que parecía perderse a esperanza; e os máis novos e máis novas, que sentirán a forza para continuar coa transformación; “todos son Galicia”. “Todos danlle ao noso país unha enerxía que fará do 2013 un tempo para empezar a rexurdir”.

718 lecturas