Miranda invita a todos os centros galegos de Madrid a amosar a súa unidade a través do apoio ao Centro Gallego de Madrid na nova etapa que está a emprender

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro con Elisardo Flores, representante da directiva que vén de tomar as rendas da entidade galego madrileña.

Miranda e Flores, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Miranda e Flores, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou unha xuntanza con Elisardo Flores, tesoureiro e membro da actual directiva do Centro Gallego de Madrid, na que lle trasladou o apoio do departamento autonómico nesta nova etapa que está a iniciar a entidade galego madrileña. O responsable de Emigración animou as e os responsables da institución a “seguir traballando para dar un pulo a un dos referentes da colectividade galega na capital española”, que vén de atravesar momentos difíciles dentro da súa longa traxectoria, cuxa orixe se remonta a 1892.  

Miranda aproveitou o encontro para trasladar ao equipo que dirixe a entidade o absoluto compromiso da Administración galega para contribuír na medida das súas posibilidades á recuperación dun dos centros galegos máis emblemáticos de Madrid. O responsable de Emigración quixo, así mesmo, invitar a todas as entidades galegas con sede na capital a amosar unha vez máis a unidade que as caracteriza e que serve de exemplo a moitas outras cidades de España, a través do seu apoio ao Centro Gallego de Madrid. 

“Temos, entre todos, que tratar de concitar o apoio das diferentes entidades galegas de Madrid para que xuntos sexamos capaces de volver darlle un pulo importante a esta entidade, que sempre foi unha referencia na capital de España, e que ten que volver selo cun traballo conxunto co resto de entidades de Madrid”, sinalou o secretario xeral. “Porque os centros de Madrid traballan dunha maneira modélica en conxunto, agrupados nunha federación de centros galegos con sede na Casa de Galicia”, concluíu.

202 lecturas