Veiga e Miranda animan á colectividade galega en Cuba a “afondar no camiño da cada vez máis frutífera relación” entre ambos territorios

O secretario xeral da Emigración e o director de Internacionalización do IGAPE asistiron á toma de posesión do novo presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, e mantiveron encontros con representantes da diáspora galega.

Asemade, o embaixador español en Cuba, Juan Francisco Montalbán, e mais o secretario xeral, inauguraron o ‘Curso de xestión de proxectos para entidades civís’, organizado pola Dirección General de Migraciones e a Xunta, e dirixido a persoas galegas e españolas residentes na illa.

Xa en solitario, Miranda desprázase hoxe a Canadá para visitar por vez primeira as comunidades galegas no país norteamericano, e participar na gran celebración anual de Galicia en Toronto.

  • Miranda e Veiga asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba e á inauguración do Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís
    Miranda e Veiga asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba e á inauguración do Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís
  • De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Juan Francisco Montalbán, e Sergio Toledo
    De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Juan Francisco Montalbán, e Sergio Toledo
  • Miranda e Veiga asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba e á inauguración do Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís
    Miranda e Veiga asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba e á inauguración do Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e máis o director de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Abel Veiga Copo, canda o embaixador español en Cuba, Juan Francisco Montalbán, asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, Sergio Toledo Bueno.

Con esta elevada representación institucional no acto, o Goberno galego testemuña o seu apoio á colectividade galega na illa, formada por preto de 38.000 persoas, na súa maioría descendentes de emigrantes galegas e galegos. Asemade, pon tamén de manifesto o seu decidido respaldo á iniciativa de unión que 38 comunidades galegas puxeron en marcha, e que foi formalmente ratificada durante a última viaxe a Cuba do presidente Feijóo. Precisamente, trala toma de posesión de Toledo, Miranda e Veiga mantiveron unha xuntanza, neste caso coas e cos presidentes dos centros e sociedades galegas con sede na capital cubana.

Antes dese acto coa colectividade residente na illa, o secretario xeral da Emigración mantivo outra reunión de traballo co embaixador de España e o conselleiro cultural da legación diplomática, na que intercambiaron información sobre as respectivas actividades e avanzaron na planificación dun dos principais eventos que se celebran tódolos anos na Habana, a ‘Huella de España’, que neste 2015 se dedica a Galicia.

Curso de xestión
Rematada a xuntanza coas e cos representantes da colectividade galega na illa, os dous altos cargos da Xunta desprazáronse ata a sede da Asociación Naturais de Ortigueira, onde tivo lugar o Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís, que inauguraron oficialmente o embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, e o secretario xeral da Emigración, e que é froito da colaboración entre as administracións galega e española. Na alocución ás persoas presentes, Miranda animounas “a afondar no camiño desa cada vez máis frutífera relación entre Galicia e Cuba”.

Esta acción formativa é unha das moitas iniciativas que se desenvolven grazas á estreita colaboración entre a Federación de Sociedades Galegas en Cuba e a súa homóloga de España, ademais da que levan a cabo as propias administracións galega e española. O eficaz traballo de coordinación desenvólvese a través da sección de Emprego e Seguridade Social da legación diplomática, á cuxa fronte está Jesús Chacón.

A lección inaugural do devandito curso correu precisamente a cargo de Veiga Copo, quen falou sobre “Internacionalización das empresas españolas. O caso de Galicia”. Deseguido, o xefe de gabinete de Emigración, Ildefonso de la Campa, impartiu un módulo práctico ás e aos asistentes.

Perfil da viaxe
Os mandatarios autonómicos poñen así punto e final a esta viaxe a Cuba, na que puxeron ao día o estado das relacións entre os gobernos galego e cubano, con entrevistas con varias e varios responsables ministeriais cubanos, e avanzaron na planificación de contactos ao máis alto nivel a desenvolver ao longo do ano 2015, tendo presente o novo escenario internacional. Tamén coñeceron en detalle os proxectos do Goberno da illa para dar impulso económico e sostible a través da atracción de investimento exterior, e as posibilidades que tales proxectos ofrecen para a dinamización das empresas galegas implantadas no país.

Igualmente, teñen realizado unha posta ao día das condicións para o investimento no ámbito xeral en Cuba, e do acceso ou nova entrada do empresariado galego, tendo en conta a nova Lei de Investimento Estranxeiro aprobado polas autoridades da illa o pasado ano 2014. Analizáronse as posibilidades en ámbitos sectoriais concretos, nos que podería existir posibilidade de chegada de investimento de empresarias e empresarios galegos, tales como o sector agroalimentario ou o da construción.

A Xunta desexa explorar novas canles de colaboración entre ambos países, na procura de novos folgos para a internacionalización da economía galega. Galicia, que foi pioneira na normalización de relacións con Cuba nun proceso histórico que ten continuidade e impulso polo compromiso persoal do presidente Feijóo e o seu Goberno, posúe xa unha relevante presenza empresarial na illa.

A Canadá
Durante esta fin de semana, Rodríguez Miranda –e xa en solitario- visita por vez primeira as colectividades galegas de Canadá (Club Hispano de Toronto e Centro Galego de Montreal), e participa na gran celebración anual de Galicia na primeira das cidades, que aglutina a un importante número de cidadás e cidadáns galegos e españois, e veciños e veciñas nacidas no país de acollida.

1274 lecturas