As entidades vinculadas á Galeguidade de Salvador de Baía coinciden na necesidade de coordinar accións de cara ao futuro
Nunha xuntanza co secretario xeral da Emigración, Rodríguez Miranda instounas a afrontar con valentía os retos da Galeguidade do século XXI.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu en Salvador de Baía unha xuntanza coas colectividades vinculadas á Galeguidade e con presenza na cidade brasileira nos ámbitos cultural e deportivo. Así, estiveron presentes na reunión representantes do Centro Espanhol, do Galícia Sporte Clube, do Centro Recreativo Uniâo do Rio Tea, e da Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago.
Os directivos puxeron en común, e en coñecemento do mandatario autonómico, os traballos realizados nos últimos meses en prol da colectividade galega, e salientaron a idoneidade de combinar os esforzos que están a levar a cabo, de maneira que se multiplique a eficacia das súas accións.
Igualmente, concordaron na necesidade dunha planificación conxunta do traballo das distintas entidades, co obxectivo de que a Galeguidade na zona –conformada fundamentalmente por galegas e galegos de segunda xeración- se fortaleza a medio e longo prazo.
Neste senso, Miranda animounas a realizaren “unha actualización constante dos seus obxectivos e actuacións, como teñen feito no pasado todas estas entidades. Desde o seu nacemento ata a actualidade, foron quen de irse acomodando ás necesidades dos novos tempos. Pois ben, non teño dúbida que así seguirá sendo no futuro”, afirmou o secretario xeral, quen as instou a “afrontar con valentía os retos da Galeguidade do século XXI”.
Novas relacionadas




