Miranda: “O futuro da galeguidade nos Estados Unidos constrúese desde a colaboración entre entidades”

Miranda: “O futuro da galeguidade nos Estados Unidos constrúese desde a colaboración entre entidades”
Miranda: “O futuro da galeguidade nos Estados Unidos constrúese desde a colaboración entre entidades”
Listen to this page using ReadSpeaker
Nova York (EEUU), 12 de febreiro de 2026.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión de traballo cos responsables das entidades galegas de Nova York e Newark, co obxectivo de afondar na situación actual da colectividade e coordinar liñas de colaboración de cara ao futuro. O encontro serviu para reforzar os vínculos entre a Xunta de Galicia e os galegos asentados nesta área estratéxica dos Estados Unidos, nun clima de diálogo, proximidade e compromiso compartido coa galeguidade.

Durante a xuntanza, Miranda puxo en valor o papel que desenvolven estas entidades como puntos de referencia social, cultural e identitaria para a comunidade galega no exterior, destacando o esforzo das súas directivas e persoas asociadas por manter viva a lingua, a cultura e as tradicións galegas lonxe da terra. O secretario xeral subliñou tamén a importancia do traballo conxunto entre as distintas entidades de Nova York e Newark para fortalecer a súa actividade e garantir o relevo xeracional.

Miranda reiterou o apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas culturais e sociais que promoven a galeguidade nos Estados Unidos, salientando que encontros coma este permiten coñecer de primeira man as necesidades da colectividade e seguir avanzando nunha política de acompañamento activo ás comunidades galegas no exterior.

282 lecturas