Miranda lembra a necesidade dun traballo conxunto entre as tres principais entidades galegas de Salvador de Baía para potenciar a presenza da colectividade no Brasil

O secretario xeral da Emigración comprometeuse a seguir apoiando o labor que a Asociación Río Tea leva a cabo nesta rexión do país suramericano.

Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Recreativo Uniâo do Río Tea (Salvador de Baía)
Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Recreativo Uniâo do Río Tea (Salvador de Baía)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou a importancia de que as tres principais entidades galegas en Salvador de Baía, Cabaleiros de Santiago, o Club Español e a Asociación Río Tea, traballen dun xeito conxunto na difusión e conservación da cultura e identidade galegas. O responsable autonómico insistiu no fundamental que esta unión de esforzos resulta para potenciar a presenza da colectividade galega nesta rexión de Brasil. Así llo trasladou ao presidente da Asociación Río Tea, José Regueira, durante o encontro que mantiveron na sede do departamento da Xunta de Galicia.

Miranda aproveitou, así mesmo, para trasladar ao máximo representante da entidade galega o apoio da Secretaría Xeral da Emigración ao labor que desde hai anos realiza en prol do fomento dos valores e as tradicións da comunidade galega no país suramericano. O titular do departamento do Goberno galego comprometeuse, deste xeito, a continuar colaborando coa Asociación Río Tea para que poida ter ao día as súas instalacións de Salvador de Baía.

O segundo país do mundo con máis galegas e galegos
O Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, con 48.441 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 175.000 galegas e galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2018. Delas e eles 24.396 proceden da provincia de Pontevedra, 10.838 da Coruña, 11.159 de Ourense e 2.048 de Lugo. Do total de persoas galegas residentes en Brasil só o 24,75 %, é dicir, 11.989 foron nadas en Galicia; o resto son descendentes xa nacidas no país de destino.

948 lecturas