Miranda anima ás entidades galegas de Salvador de Baía a traballar pola unidade

O secretario xeral da Emigración reuniuse co directivo do Clube Espanhol da cidade brasileira, Manuel Míguez. 

O representante autonómico aplaudiu o pulo que este centro baiano está a dar á súa actividade asociativa.

Míguez e Miranda, durante a reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Míguez e Miranda, durante a reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou ás distintas entidades galegas de Salvador de Baía a traballar pola unidade da colectividade nesta importante rexión de Brasil. Fíxoo durante o encontro que mantivo en Santiago co directivo do Clube Espanhol de Salvador de Baía, Manuel Míguez, que, xunto ao Galícia Sporte Clube, o Centro Recreativo Uniâo do Río Tea e a Asociación Cultural Caballeros de Santiago, é un dos que máis presenza ten na cidade brasileira.

O representante autonómico tamén celebrou o pulo que o Clube Espanhol está a dar á súa programación, responsabilidade que asume na actualidade Míguez, quen, ademais, conta cunha longa traxectoria na colectividade galega no exterior. Miranda tivo a oportunidade recentemente de comprobar de novo in situ a importante actividade asociativa que está a vivir esta entidade, cuxas instalacións visitou na súa derradeira viaxe a Brasil, que foi tamén a primeira do ano. 

Preto de 50.000 galegas e galegos no país suramericano 
Os centros galegos de Brasil contan cunha especial relevancia por mor da cantidade de cidadás e cidadáns galegos que residen no país. É o segundo, só por detrás da Arxentina, en poboación galega. A 1 de xaneiro deste ano, segundo os datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), eran un total de 48.441 as galegas e galegos que vivían no país suramericano.  

1040 lecturas