Miranda insta á unidade de acción de tódolos colectivos de Salvador de Baía que actúan no ámbito da galeguidade

O responsable autonómico na materia recibiu no seu despacho ao presidente do Clube Espanhol da cidade brasileira, formado fundamentalmente por galegas e galegos.

Na foto, Campos Peso (á dereita) no despacho de Rodríguez Miranda en Santiago de Compostela
Na foto, Campos Peso (á dereita) no despacho de Rodríguez Miranda en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente do Centro Espanhol de Salvador de Baía, Humberto Campos Peso, con quen falou da actualidade brasileira e máis concretamente sobre o presente e perspectivas das colectividades galega e española na cidade.

Tras dar repaso á situación das entidades que traballan no ámbito da colectividade, Rodríguez Miranda transmitiu a Campos Peso a súa firme convicción da necesidade da confluencia de actuacións entre as institucións que traballan nese ámbito, para reforzar a súa presenza e garantir as mellores condicións para encarar o futuro e dotalas dos mellores servizos posibles, en beneficio dos asociados e asociadas.

A mensaxe foi plenamente compartida por Campos Peso, quen se comprometeu a traballar nese camiño e a seguir mantendo contacto regular coas autoridades da Xunta de Galicia, coa finalidade de dotar á institución que preside das ferramentas óptimas para cumprir os obxectivos sociais do Centro Espanhol.

O Centro
Fundado en 1911, a súa finalidade era a de estreitar vínculos entre a colonia galega e a sociedade baiana. Foi a primeira institución de carácter social con que contaban os galegos e galegas na cidade, e algúns comerciantes de éxito comezaron a frecuentar as súas instalacións. En 1929 fusiónase co Ibérico Sport-Club, e xa en 1975 foi inaugurada a nova sede, situada fronte ao mar nunha contorna de elevado valor paisaxístico, que está a ser reformada na actualidade, e que conta con espazos deportivos, de lecer, amplas instalacións de hostalaría, escola de danza, academia de ximnasia, etcétera, que a converten nun referente da vida cultural e social en Baía.

Arestora, e segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, residen no conxunto da República Federativa do Brasil un total de 46.217 cidadás e cidadáns galegos, de quen 32.745 (máis do setenta por cento) naceron xa no país de acollida, e son por tanto galegas e galegos de segunda ou terceira xeración.

1735 lecturas