Miranda agradece aos centros galegos de Cataluña o esforzo para render unha sentida homenaxe á emigración galega nesta comunidade

O secretario xeral da Emigración asistiu esta tarde en Cornellà ao ensaio xeral da gala “Unha xeración. Dous mundos” organizada pola colectividade galega en colaboración coa Xunta de Galicia.

A gala, que se desenvolverá mañá no Gran Teatre del Liceu de Barcelona, contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

  • Imaxe do ensaio xeral de hoxe
    Imaxe do ensaio xeral de hoxe
  • Imaxe do ensaio xeral de hoxe
    Imaxe do ensaio xeral de hoxe
  • Imaxe do ensaio xeral de hoxe
    Imaxe do ensaio xeral de hoxe
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 9 de decembro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu esta tarde ao ensaio xeral do espectáculo Unha xeración. Dous mundos co que a colectividade galega de Cataluña homenaxeará mañá nunha gala no Gran Teatre del Liceu de Barcelona á emigración dos anos 60 e 70.

Deste xeito, o secretario xeral quixo achegarse ata o ensaio xeral que se levou a cabo no pavillón de Cornellà, para felicitar ao elenco que participa nesta obra e agradecer aos centros galegos de Cataluña, organizadores da mesma, pola súa implicación constante na promoción da cultura e as tradicións galegas, e por manter o vínculo “moi vivo” entre ambas comunidades autónomas.

A Xunta de Galicia participa así na posta en marcha dunha gala de teatro musical que explica varias historias da emigración galega en Cataluña desde a década dos 60 e 70 ata os nosos días, unha época na que se crearon a maioría de centros galegos e casas de Galicia, así como institucións sociais e empresariais, contribuíndo a construír e mellorar a nosa sociedade e a terra de acollida, Cataluña.

A gala terá lugar mañá sábado, ás 18 horas, no Gran Teatre del Liceu de Barcelona, e á mesma asistirá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Unha Xeración. Dous Mundos é unha realidade grazas á suma de máis de vinte entidades galegas colaboradoras (Comunidade Galega de Catalunya) e conta cun elenco de máis de 250 participantes, actrices e actores e músicos.

345 lecturas