Emigración respalda cun acordo o labor de A.E.R.U. para información e asesoramento a persoas emigrantes retornadas

A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia presta servizos de asesoramento xurídico, administrativo e social a galegas e galegos que deciden voltar á terra.

  • Celso Domínguez Búa (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
    Celso Domínguez Búa (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
  • Celso Domínguez Búa (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
    Celso Domínguez Búa (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente da Asociación de Emigrantes Retornados Río Umia (AERU) -de ámbito de actuación na provincia de Pontevedra- Celso Dominguez Búa, asinaron esta mañá en Santiago un convenio entre as entidades que representan para o mantemento dunha oficina de información e asesoramento dirixida a galegos e galegas residentes no Exterior e que volveron á Galicia territorial.

O obxecto do acordo, dotado con 6.000 euros achegados integramente por Emigración, é que esta oficina poida ofrecer ás persoas que retornaron a Galicia información veraz e actualizada das axudas e oportunidades de retorno que están ao seu dispor, con especial fincapé nas estratexias e liñas de actuación que se desenvolven desde a Administración autonómica, tanto desde Emigración como desde outros departamentos.

A entidade ofrece un servizo integral á e ao retornado, que inclúe orientación e asesoramento xurídico, apoio na tramitación administrativa (actualización dos datos en materia de emprego, vivenda, sanidade, educación, prestacións sociais, pensións e axudas, traducións, etcétera) e mesmo no ámbito psicolóxico, a través de orientación personalizada de estratexias para unha mellor adaptación ao novo ámbito social e laboral.

Por mor do convenio hoxe asinado, AERU comprométese a informar, asesorar e ofrecer un servizo integral e completo ás persoas emigrantes retornadas, tanto no referente aos seus dereitos adquiridos no país no que se asentaran, como das obrigas e dereitos que se xeran co retorno; prestar a orientación e o asesoramento xurídico necesario; apoiar ás que volven no cumprimento dos trámites necesarios na súas relacións coas administración públicas; proporcionar apoio ás e aos retornados no momento do retorno e realizar labores de acompañamento para favorecer a súa integración social; e ao mantemento da oficina que contará cun espazo axeitado para o desenvolvemento das súas funcións.

816 lecturas