Emigración formaliza coa FEVEGA o acordo que permitirá dúas oficinas de información e asesoramento

O secretario xeral lembra que a especial situación social que atravesan os paisanos e paisanas en Venezuela “merece a atención especial de Galicia e o seu Goberno”.

  • Manuel Pérez Vidal (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
    Manuel Pérez Vidal (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
  • Manuel Pérez Vidal (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
    Manuel Pérez Vidal (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (dereita) durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente da Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA), Manuel Pérez Vidal, asinaron en representación de cadansúa organización un acordo para a posta en funcionamento de dúas oficinas de información e asesoramento dirixidas fundamentalmente a persoas emigrantes retornadas de Venezuela.

Se ben as persoas que desenvolvan o traballo destas oficinas, con sede en Ourense e Vigo, atenderán todo tipo de solicitudes de retornados e retornadas, o seu labor terá como prioridade a atención ás familias de orixe galega que, por mor da situación de convulsión social que se está a vivir en Venezuela, deciden volver á terra.

O obxecto do acordo, dotado con 20.000 euros achegados integramente por Emigración, é que esta oficina poida ofrecer ás persoas que retornaron a Galicia información actualizada das axudas e oportunidades de retorno que están ao seu dispor, con especial fincapé nas estratexias e liñas de actuación que se desenvolven desde a Administración autonómica, tanto desde Emigración como desde outros departamentos.

“A situación das e dos galegos en Venezuela, como a do resto da poboación residente no país, merece unha atención especial por parte de Galicia e o seu Goberno. Con medidas como esta, damos cobertura, na medida das nosas posibilidades, ás necesidades das asociacións nadas do tecido social creado polos propios retornados”, afirmou Miranda trala sinatura do acordo.

A Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) obrígase a informar, asesorar e ofrecer un servizo integral e completo ás e aos emigrantes retornados, tanto no referente aos seus dereitos adquiridos no país da emigración como nas obrigas e dereitos que se xeran co retorno; prestar a orientación e o asesoramento xurídico necesario; apoiar no cumprimento dos trámites necesarios na súas relacións coas administracións públicas; proporcionar apoio ás e aos emigrantes no momento do retorno e realizar labores de acompañamento para favorecer a súa integración social; e ao mantemento das propias oficinas, que contarán cun espazo axeitado para o desenvolvemento das súas funcións.

Oito anos
A Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) é unha agrupación de asociacións sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico, con oito anos de experiencia. Creada en 2009, o seu obxectivo é apoiar aos seus asociados e asociadas e desenvolver accións de atención ás e aos emigrantes retornados no seu proceso de integración social, laboral e cultural na Galicia territorial.

996 lecturas