Emigración destina 7.500 euros á Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (Aeru) co obxectivo de continuar co seu labor de información

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, firmou o convenio que permitirá manter o asesoramento das e dos galegos do exterior da provincia de Pontevedra que deciden regresar a Galicia.

Esta entidade complementa o labor de información e apoio aos galegos e galegas que regresan que desenvolve a Oficina Integral de Retorno. 

Miranda e Búa, na sede da SXE na capital de Galicia, durante a sinatura do convenio
Miranda e Búa, na sede da SXE na capital de Galicia, durante a sinatura do convenio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou co presidente da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (Aeru), Celso Domínguez Búa, o convenio para o mantemento da súa oficina de información en Caldas de Reis, destinada a asesorar aos galegos e galegas do exterior que optan por regresar a Galicia.  

A Secretaría Xeral colabora con esta asociación cun convenio de colaboración de 7.500 euros co obxectivo de ofrecer ás e aos emigrantes retornados á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de retorno e adaptación á sociedade galega. 

Esta entidade agrupa a un número importante de socias e socios da provincia de Pontevedra e configúrase como un punto de referencia ao que cada día acoden as persoas retornadas reclamando os seus servizos, polo que está desenvolvendo un importante labor social a favor das e dos emigrante galegos retornados e das e dos seus descendentes. 

A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (Aeru) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito provincial que naceu en 2013 co obxectivo de dar resposta ás demandas das e dos emigrantes retornados e de cara a prestar un servizo de orientación e asesoramento orientado a facilitar a súa integración na sociedade galega. 

Esta entidade complementa o labor de información e apoio aos galegos e galegas que regresan que desenvolve a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

314 lecturas