Emigración destina 6.000 euros á Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU) para o mantemento da súa oficina de información

O secretario xeral deste departamento autonómico firmou co presidente da entidade, con sede en Caldas de Reis, o convenio que permitirá manter o asesoramento aos galegos e galegas do exterior que optan por regresar a Galicia.

Antonio Rodríguez Miranda e Celso Domínguez Búa, durante a sinatura desta mañá
Antonio Rodríguez Miranda e Celso Domínguez Búa, durante a sinatura desta mañá
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou esta mañá no edificio da Secretaría Xeral da Emigración, o convenio co presidente da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU), Celso Domínguez Búa, para o mantemento da súa oficina de información en Caldas de Reis, destinada a asesorar aos galegos e galegas do exterior que optan por regresar a Galicia.

A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (AERU) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito provincial que naceu en 2013 co obxectivo de dar resposta ás demandas das e dos emigrantes retornados en relación cos problemas de tributación das pensións xeradas no estranxeiro, pero que, dadas as dificultades e a problemática que se detectou neste colectivo no seu proceso de retorno e adaptación, comezou a prestar un servizo de orientación e asesoramento orientado a facilitar a súa integración social e cultural na sociedade galega. 

Esta entidade agrupa a un número importante de socias e socios nesta comarca pontevedresa e se configura como un punto de referencia ao que cada día acoden as persoas retornadas reclamando os seus servizos, polo que está desenvolvendo unha importante labor social a favor das e dos emigrante galegos retornados e das e dos seus descendentes. 

A Secretaría Xeral colabora con esta asociación cun convenio de colaboración de 6.000 euros co obxectivo de ofrecer ás e aos emigrantes retornados á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de retorno e adaptación á sociedade galega. 

535 lecturas