Emigración destina 6.000 euros á Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU) co obxectivo de manter a súa Oficina de información
O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, firmou esta mañá o convenio que permitirá manter o asesoramento das e dos galegos do exterior desta provincia que deciden regresar a Galicia.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou esta mañá, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, co presidente da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU), Celso Domínguez Búa, o convenio para o mantemento da súa Oficina de información en Caldas de Reis, destinada a asesorar aos galegos e galegas do exterior que optan por regresar a Galicia. O acto tivo lugar na Delegación da Xunta en Pontevedra.
A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (AERU) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito provincial que naceu en 2013 co obxectivo de dar resposta ás demandas das e dos emigrantes retornados e de cara a prestar un servizo de orientación e asesoramento orientado a facilitar a súa integración na sociedade galega.
Esta entidade agrupa a un número importante de socias e socios desta provincia e configúrase como un punto de referencia ao que cada día acoden as persoas retornadas reclamando os seus servizos, polo que está desenvolvendo un importante labor social a favor das e dos emigrantes galegos retornados e das e dos seus descendentes.
A Secretaría Xeral colabora con esta asociación cun convenio de colaboración de 6.000 euros co obxectivo de ofrecer ás e aos emigrantes retornados á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de retorno e adaptación á sociedade galega.
Novas relacionadas