Emigración reforza o apoio ás entidades culturais do exterior para facilitar a súa participación no VI Día da Galicia Exterior
O DOG publica hoxe as subvencións, cun orzamento de 350.000 euros, destinadas a sufragar o 80% do custo do desprazamento das agrupacións dende os seus lugares de orixe ata Galicia.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, ademais dos desprazamentos internos en Galicia, do aloxamento e da manutención das e dos participantes, co gallo de apoiar ás entidades galegas que viron afectada a súa situación económica nestes dous últimos anos.
Esta xornada ten como obxectivo celebrar o Ano Santo Xacobeo cos galegos e galegas do exterior e reunirá o próximo 9 de xullo na capital de Galicia a miles de persoas procedentes dos diferentes centros e casas de Galicia que contan con grupos de canto, música e baile tradicional de todo o mundo.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a participación dos grupos culturais nos actos do VI Día da Galicia Exterior que se celebrará o próximo 9 de xullo e que se destinan a sufragar completamente a estancia en Galicia e o 80% do custo do desprazamento das agrupacións dende os seus lugares de orixe ata a comunidade autónoma.
Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración destinará 350.000 euros aos centros e casas de Galicia que contan con grupos de canto, música e baile tradicional de todo o mundo, de forma que se facilite a súa participación nunha xornada que ten como obxectivo celebrar o Ano Santo Xacobeo cos galegos e galegas do exterior e que reúne na capital de Galicia a miles de persoas.
A través desta convocatoria subvencionarase, ata nun 80%, o desprazamento do grupo, dende o seu lugar de residencia, chegando a 150 euros por persoa participante no caso de que procedan da Península Ibérica, 250 si veñen das illas Baleares ou Canarias, así como Europa, África e Asia, e 1.000 euros se a agrupación procede de América ou Oceanía.
Posteriormente, en Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración asumirá o custo dos desprazamentos ata o lugar de aloxamento, así como os gastos de estadía e manutención, de cara a facilitar que poidan participar nesta celebración despois de varios anos de crise, tanto sanitaria como social, que reduciron a capacidade económica de moitas das entidades.
Os grupos deberán contar cun mínimo de 10 participantes e un máximo de 30, un director ou directora e unha persoa delegada da entidade responsable do grupo. As e os menores integrantes do grupo deberán ter todos cumpridos os 15 anos.
As entidades e grupos interesados terán ata o próximo 6 de maio para presentar as súas solicitudes a estas axudas.
Novas relacionadas