Emigración lembra que mañá remata o prazo de presentación de solicitudes para optar á posta en marcha de obradoiros nas entidades galegas do exterior
Haberá dúas modalidades, presencial e virtual, para talleres de folclore, artesanía, cociña e cultura galega.
O programa, que conta cun orzamento de 150.000 euros, sufragará os gastos de realización na súa totalidade para apoiar aos centros tralas complicacións económicas provocadas pola pandemia.
A Secretaría Xeral da Emigración lembra que mañá remata o prazo para a presentación de solicitudes de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior.
O departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volveu a ofrecer axudas para a posta en marcha de obradoiros presenciais nas entidades galegas do exterior, aínda que, por primeira vez, tamén se poderán organizar de xeito telemático, continuando coas medidas de seguridade sanitarias a causa da pandemia da covid-19.
Esta iniciativa ten como obxectivo a realización de obradoiros de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanais (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais), cociña galega e seminarios de cultura galega (tradición e modernidade). As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor un profesor ou profesora para que o imparta, sempre que estea incluído nas listaxes de persoas formadoras na modalidade solicitada.
En total, a Secretaría Xeral destina 150.000 euros para a posta en marcha de estas iniciativas, sendo así sufragada a súa realización na súa práctica totalidade pola administración autonómica, de cara a apoiar aos centros tralas complicacións económicas xurdidas nas entidades pola pandemia.
A modalidade presencial destes obradoiros desenvolverase nas instalacións dos centros con tódalas medidas de seguridade sanitaria, creándose, a maiores, por primeira vez, a modalidade telemática a través da aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, de xeito concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemática. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.
Máis información nesta ligazón.
Novas relacionadas