Emigración mantén tódolos programas no exterior, e as contías das axudas individuais, malia a redución de orzamentos.

A Xunta lamenta que, a día de hoxe, se descoñeza o recorte que o Goberno Central aplicará ás políticas de integración dos inmigrantes.

O auxilio a galegos da diáspora con necesidades urxentes ou con enfermidades crónicas é a prioridade do departamento que dirixe Santiago Camba.

A desaparición da Fundación Galicia Emigración suporá un aforro neto de 665.000 euros no orzamento de 2011.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración disporá este ano 2011 de 12’7 millóns de euros, orzamento co que manterá tódolos seus programas de subvencións ao exterior, e nomeadamente a contía das axudas individuais. Como obxectivo específico para este 2011, Emigración mantén tódolos programas no exterior, e as contías das axudas individuais, durante este exercicio; e fornecerá as circunstancias polas que Galicia se consolida, un ano máis, como a Comunidade Autónoma á cabeza de España en porcentaxe de inmigrantes con autorización de traballo tanto por conta allea (33’57%, moi por riba da media nacional) como por conta propia.
 
Nese dato, recentemente confirmado polo Observatorio Permanente de la Inmigración, cobra un relevante papel de consolidación, sen dúbida ningunha, o millón de euros que cada ano inviste o Goberno galego en accións formativas para a poboación inmigrante, coa finalidade de acadar unha meirande cohesión social entre as poboacións nativa e foránea.

Ante a situación de crise económica e en liña coa política de austeridade que caracteriza o Goberno galego, Emigración centra tódolos seus esforzos en racionalizar o reparto orzamentario e minorar tódolos investimentos non imprescindibles. Recórtanse os gastos non prioritarios, como poden ser equipos para procesos informáticos (-51%), comunicacións telefónicas (-45%), reunións e conferencias (-44%), material variado de oficina (-43%), transportes (-36%), e viaxes, dietas, ou campañas de sensibilización, entre outras partidas.

Aforro de 800.000 €
De entre as partidas que desaparecen do orzamento da Secretaría Xeral da Emigración para o ano 2011, cabe salientar a da Fundación Galicia Emigración (recentemente extinta), e outra de actuacións non prioritarias en colaboración con diversas entidades, ás que se destinaban no 2010, respectivamente, 665.000 e 127.500 euros, polo que o aforro conxunto neste apartado achégase aos 800.000. Pero mantéñense tódalas liñas de axuda finalista para persoas en risco de exclusión social, tanto dirixidas a galegos emigrados no exterior, como a inmigrantes en Galicia.

A prioridade do departamento que dirixe Santiago Camba é manter as axudas individuais a galegos na diáspora en situación de especial vulnerabilidade, tales como persoas con enfermidades graves e/ou crónicas, ou que pasan unha situación económica de emerxencia. Acorde á política orzamentaria de toda a Xunta de austeridade, pero con prioridade nos investimentos sociais, esta partida mantense durante o 2011.

Da mesma maneira, mantéñense tódolos programas de asistencia social, e tamén se manteñen as quince ordes de axuda que tódolos anos se publican no Diario Oficial de Galicia para actividades no exterior, levadas a cabo por concellos, ONGDs, os propios centros galegos no exterior, etcétera. A finalidade desta medida é fornecer a presenza da Xunta na diáspora e manter os vínculos de unión entre os galegos do exterior, e os seus descendentes, coa Galicia territorial.

Asemade, a Xunta mantén en 2011 os programas de cohesión social dirixidos á inmigración, e tamén as axudas ao retorno para aqueles cidadáns galegos que queiran acollerse a este programa, malia o importante recorte que o Estado ten aplicado nas liñas de co-financiamento.

Insensibilidade do Goberno central
En contraste con esta importante aposta do executivo autonómico en defensa dos galegos na diáspora e dos estranxeiros na Galicia territorial, o Goberno Central decidiu recortar para 2010 –e nada menos que nun 65%- as achegas para o Plan de Acción da Inmigración (políticas activas de integración dos inmigrantes). Asemade, a estas alturas de ano aínda se descoñece a contía que destinará ao longo do xa presente exercicio orzamentario de 2011 para ese cometido, tal e como ten denunciado en múltiplas ocasións o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba.

Neste senso, Camba bota en falla unha maior aposta do Goberno central polos galegos e españois residentes no estranxeiro, tal e como ten feito público en numerosas ocasións. “Como desexo para o ano 2011, oxalá exista unha maior sensibilidade por parte do Goberno central cara as necesidades da diáspora, urxentes e moitas veces desesperadas”, afirma o secretario xeral.

1551 lecturas