Emigración convoca axudas para diversas actividades formativas no exterior en 2011, por valor de 90.000 € como mínimo.
Baile e música, obradoiros artesanais, e cociña galega, son as accións instrutivas que subvenciona o departamento dirixido por Santiago Camba.
O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de onte mércores unha resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen as bases reguladoras do desenvolvemento de seminarios de baile e música, obradoiros artesanais, e cociña galega, en colaboración coas entidades galegas do exterior, na súa convocatoria para o ano 2011.
A propia disposición do DOG recorda que o artigo 7º do Estatuto de Autonomía establece o dereito destas comunidades na diáspora a “colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego”. Contémplase na norma reguladora un prazo de presentación de solicitudes dun mes natural a partir do día seguinte ó da súa publicación. Para a concesión das axudas previstas na disposición destínanse 90.000 euros, de fondos da Comunidade Autónoma, se ben se contempla a posibilidade da súa extensión.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade, ou ben a súa condición de centro colaborador, así como a unión ou agrupación de varias delas. Concretamente, son seis as modalidades de seminarios cuxa subvención se convoca, con bases específicas para cada unha: baile; gaita; percusión; pandeireta e canto; carácter artesanal; e cociña galega.
Formación intensiva
Os seminarios serán de formación intensiva e de carácter participativo. Desenvolveranse nas instalacións das propias entidades galegas, e a instrución será impartida por profesionais con experiencia nas distintas modalidades. O departamento que dirixe Santiago Camba farase cargo, segundo os casos, da remuneración do formador, dos custos de desprazamento do profesor, e do material necesario; mentres que as entidades galegas no exterior carrexan cos gastos de estadía e manutención do formador, dos seus traslados dentro da cidade, da xestión e instalacións, e da subministración do material funxible.
De modo xenérico, os criterios de selección para a concesión dos seminarios son o número de solicitantes, o de preinscritos en cada evento, e a valoración da memoria presentada, con cadansúas especificidades segundo o tipo de seminario. A resolución tamén contempla os órganos e requisitos de control e seguimento dos cursos subvencionados.
A resolución publicada é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que se debe por xustiza histórica especial atención, coa fin de manter vivos os lazos da diáspora coa súa terra natal, tal e como estipula o citado artigo 7º do Estatuto de Autonomía.
Novas relacionadas



