Aberta a convocatoria de 2011 das axudas individuais para galegos no exterior, por valor de máis de 2,3 millóns de euros.

Emigración subvenciona así as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria dos galegos en situación de precariedade económica.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe martes a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2011, en réxime de concorrencia non competitiva, e dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de precariedade económica.

Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria, e segundo establece a resolución, contémplase un prazo de presentación de solicitudes de dous meses a partir do día seguinte á súa publicación, polo que os peticionarios deben presentar a documentación ata o 21 de febreiro de 2011, inclusive. Para a concesión das axudas previstas na disposición destínanse 2.325.000 euros, de fondos da Comunidade Autónoma, xestionadas pola Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Santiago Camba.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren -segundo a documentación explicada na propia resolución- carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que polas súas regras ou estatutos estean obrigados a prestarlles asistencia.

Tipos de axuda
A convocatoria hoxe publicada abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

De maneira xenérica, a contía da axuda mínima estipúlase en 200 euros, e a máxima en 900 euros, dependendo de diversos criterios de avaliación, e en función de se o país no que reside o emigrante ten asinado ou non convenio en materia de Seguridade Social co Estado español.

En calquera caso, unicamente poderá solicitarse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá pedir unicamente unha axuda por un único suposto. Asemade, as axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios, e estarán condicionadas á dispoñibilidade orzamentaria.

As solicitudes, xunto co resto da documentación necesaria para cada caso, poderán presentarse na propia Secretaría Xeral da Emigración (Rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela), nas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, na Consellería de Traballo e Benestar, nas seccións consulares correspondentes, así como en seis entidades colaboradoras de Brasil (4), Cuba (1), e Uruguai (1).

Criterios de valoración
A disposición establece como criterios xenéricos de valoración e baremo o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades padecidas, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, todos eles demostrables documentalmente. Estipúlase a documentación xustificativa en cada caso, e un prazo de resolución que en ningún caso poderá superar os seis meses.

A resolución hoxe publicada é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar pulo, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que se debe por xustiza histórica especial atención, coa fin de manter vivos os lazos da diáspora coa súa terra natal.

1795 lecturas