Emigración lembra que o próximo venres, día 29, remata o prazo para solicitar as Axudas ao Retorno Emprendedor

A historia da galega retornada do Brasil, a deseñadora Karol Farias, que publica hoxe a web GaliciaAberta, é un exemplo do apoio da Xunta ao regreso a Galicia para a posta en marcha dun negocio, no seu caso no concello de Lugo.

As e os interesados poden informarse tamén a través da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que existe en cada provincia.

O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor está aberto ata o 29 de setembro
O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor está aberto ata o 29 de setembro
Axudas ao Retorno Emprendedor - Karol Farias
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración lembra que o próximo venres, 29 de setembro, remata o prazo para solicitar as Axudas ao Retorno Emprendedor que contan cun orzamento dun millón de euros e que poden chegar a supoñer un apoio económico de ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial. A historia da galega retornada do Brasil, Karol Farias, é un exemplo da importancia que estas axudas teñen para a inserción dos galegos e galegas do exterior na nosa sociedade.

A páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta, publica hoxe a historia desta emprendedora, que regresou a Galicia a través dunha bolsa de Excelencia Mocidade Exterior - BEME dende Brasil, para ampliar os seus estudos e, posteriormente, decidiu apostar por Galicia poñendo en marcha a súa firma de moda circular, Aoba Upcycling, colaborando así no impulso económico e social do concello de Lugo. 

Estas axudas destínanse aos galegos e galegas que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.  

As axudas serán de 6.000 euros, aumentable en 1.000 se a beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 
    
Este tipo de iniciativas facilitan o acollemento a quen desexa iniciar unha nova vida en Galicia, recordando que os interesados e interesadas tamén poden informarse de todo tipo de axudas ao retorno nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas nas principais cidades galegas.

136 lecturas