Emigración informa ás entidades galegas do exterior sobre a nova liña de axudas para funcionamento e actividades culturais

A Secretaría Xeral destinará a este fin 1,2M€ de euros.

Esta convocatoria volve destinar unha liña específica para apoiar accións de especial relevancia e promoción do Ano Santo Xacobeo.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 7 de marzo
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 7 de marzo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta semana dúas videoconferencias que se realizaron con 140 membros das entidades de España, Europa e América para informarlles sobre a nova liña de axudas, publicada o pasado 7 de febreiro, destinada a gastos de funcionamento, proxectos culturais da xuventude e accións de promoción do Ano Santo Xacobeo. Na reunión tamén estivo presente a subdirectora xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer, e o xefe do Servizo de Promoción das Entidades Galegas, José Iglesias de la Fuente. 

Esta convocatoria, que conta cun orzamento de 1,2M de euros, está conformada por tres liñas de axuda: funcionamento, posta en marcha de proxectos e desenvolvemento de accións relativas ao Ano Santo.

En canto á primeira liña, e co fin colaborar no funcionamento das entidades galegas no exterior, este ano destínase a este fin 650.000 euros, de cara a continuar apoiando aos centros nas súas actividades ante os problemas xurdidos coa situación da covid-19 que, nos últimos anos, reduciu enormemente a súa capacidade económica. “A Xunta é consciente da situación delicada que está a vivir a nosa colectividade a causa da pandemia. Non poden esquecer que nós estamos aquí para axudalos e apoialos”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

En segundo lugar, estas subvencións tamén van dirixidas para a posta en marcha de proxectos culturais, sociais, de accións informativas e actividades promovidas pola mocidade, ao que se destinarán un total de 450.000 euros. Finalmente, continúa tamén no presente ano, como no anterior, unha liña destinada a axudar na posta en marcha de accións de especial relevancia e promoción do Ano Santo Xacobeo, á que se destinará 100.000 euros. 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, ata o próximo 7 de marzo, e as entidades poderán solicitar ata o 80% do investimento total.

725 lecturas