Emigración felicita a colaboración do Lar Gallego coa Capitanía General do E.T. que permite iluminar co Xacobeo a Praza de España de Sevilla

A fachada do Cuartel General de la Fuerza Terrestre de Sevilla amosará, ao caer a noite durante toda a fin de semana, símbolos tradicionais do Camiño como os peregrinos e peregrinas, a catedral e o propio botafumeiro.

Este enclave principal da capital andaluza converterase durante tres días nun “pedaciño” de Galicia.

  • Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
    Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
  • Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
    Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
  • Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
    Imaxe do acto celebrado na capital de Andalucía
Vídeo do evento celebrado en Sevilla
Listen to this page using ReadSpeaker
Sevilla, 5 de marzo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no acto de difusión do Xacobeo que tivo lugar onte en Sevilla e que permite mostrar, durante toda a fin de semana, o atractivo do Camiño de Santiago na fachada do Cuartel General de la Fuerza Terrestre situado na praza principal da capital andaluza.

O acto, organizado polo Lar Gallego e a Capitanía General do Exército de Terra, contou coa presenza do tenente xeral xefe da Forza Terrestre, José Rodríguez García, do delegado do Goberno da Junta de Andalucía, Ricardo Sánchez, do coordinador xeral de Igualdade, Educación, Participación Ciudadana y Coordinación de distrito do concello de Sevilla, Juan Tomás de Aragón, e do propio presidente do centro galego, José Antonio Otero.

Durante o acto, a unidade de música do Cuartel General, acompañado do director do grupo de Gaitas do Lar Gallego, interpretaron xuntos a marcha de Santiago e unha muiñeira en honor ao Xacobeo.

A proxección poderase ver tódalas noites entre as 20 e as 22 horas sobre a fachada do cuartel situado na Praza de España. Deste xeito, dase difusión e promoción ao Camiño de Santiago cun vídeo mapping no que aparecen vivencias e imaxes de peregrinos e peregrinas, o botafumeiro da Catedral de Compostela e o Pórtico da Gloria.

O secretario xeral agradeceu e felicitou tanto ao Lar Gallego como á Capitanía General pola súa colaboración nun evento desta importancia non só para Galicia senón para toda España, recordando que o Camiño de Santiago é un elemento vertebrador do conxunto do país que nos une a Europa, “ao igual que o exército é, constitucionalmente, un garante da integridade da unión do Estado”.

Miranda destacou a importancia do Camiño de Santiago como símbolo de unión e concordia, “que hoxe gaña en significado máis que nunca”, animando a visitantes, veciñas e veciños e galegas e galegos afincados en Sevilla a realizalo ao longo deste ano, “xa que se trata dunha experiencia única que permite conxugar paisaxe e espiritualidade ata chegar á Praza do Obradoiro en Compostela”.

309 lecturas